22 de febreiro de 2023. O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno do Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se pide á Xunta que abra un proceso de diálogo con representantes do ocio nocturno, no marco do Observatorio galego da violencia de xénero, para impulsar a elaboración, aprobación e aplicación dun protocolo de prevención e intervencións fronte ás agresións sexuais. Este protocolo deberá incluír, entre outras, actuacións en todos os ámbitos, incluídos o sanitario e o policial, así como formación e información específica dirixida ao persoal dos establecementos.
Así mesmo, a iniciativa pide publicar este protocolo e todo o material ligado a el a través do portal web da Xunta, para garantir a súa difusión entre os establecementos e calquera persoa que a título individual o queira coñecer.
IRRESPONSABILIDADE DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ
A deputada popular Rosalía López lamentou a “alta frecuencia coa que as mulleres sofren violencia sexual, así como o amplo espectro de violencias sexuais que, por desgraza, están normalizadas nesta sociedade, así como o carácter estrutural e sistémico das mesmas”. “E nesta situación, o Goberno de Pedro Sánchez, nun acto de irresponsabilidade extrema, aproba a lei de só si é si, de xeito que a día de hoxe só en Galicia case 50 delincuentes sexuais xa viron rebaixadas as súas condenas, co que máis pronto que tarde estarán convivindo en sociedade con todos nós”.
Rosalía López considerou “necesario elaborar un protocolo común para toda a Comunidade galega para a prevención e intervención ante situacións de sospeita de agresións sexuais que teñan lugar nos locais de ocio nocturno, que inclúa pautas de actuación, formación específica ao persoal e información sobre medidas preventivas”.
Así mesmo, apuntou que “será preciso dar publicidade aos locais de lecer nocturno que implanten este protocolo, e promover unha campaña para sensibilizar e informar sobre o contido do protocolo e as pautas a seguir ante unha posible situación de violencia de xénero ou agresión sexual”.
A deputada popular solicitou do Goberno de España “a inmediata revisión da Lei orgánica 10/2022, para que quen cometa delitos sexuais poidan ter, canto antes, as mesmas penas que estaban en vigor ata setembro de 2022 e que se viron rebaixadas coa actual regulación. Así, lembrou que o Grupo Popular no Congreso ten rexistrada, desde o pasado mes de decembro, unha proposición de lei de modificación do Código Penal no relativo a delitos agresivos sexuais que permitiría a súa inmediata tramitación.