Santiago, 3 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que favoreza que todos os concellos de Galicia posúan software libre, ao tempo que se impulse a colaboración e a formación para potenciar a implantación do software libre nas entidades locais galega.
O portavoz de Novas Tecnoloxías, Moisés Blanco, lembrou que a Amtega “vén elaborando desde 2010 un plan de acción en materia de software libre co obxectivo de fomentar e difundilo na Comunidade galega, que ten como principais eixos o fomento da reutilización do software na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións dirixidas ás empresas e o seu achegamento ao conxunto da sociedade”.
ASESORAMENTO E FORMACIÓN
Máis en concreto, Blanco sinalou que a Amtega, a través da súa oficina de software libre, ofrece un servizo de asesoramento sobre ferramentas libres para as necesidades TIC da administración pública, empresas e cidadanía.
Moisés Blanco manifestou que, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), os empregados da administración local poderán acceder este ano a cursos de formación en software libre, que abranguen aplicacións para bases de datos, follas de cálculo, tratamento de textos, presentacións gráficas ou busca de información.
Na súa intervención, o portavoz popular fixo especial referencia á Rede de centros para a modernización e a inclusión tecnolóxica (Rede CeMIT), posta en marcha co obxectivo de vertebrar territorial e socialmente Galicia, en especial onde a fenda dixital se fai máis evidente.
Esta rede conta coa colaboración de 92 concellos e está integrada por 98 aulas. “Empregan integramente software libre, desde o sistema operativo ata as aplicacións, polo que cerca de 65.000 persoas que asistiron ás súas actividades de formación, alfabetización dixital e para o emprendemento xa se puxeron en contacto con este software”, apuntou.