Santiago, 4 de maio de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se pide á Xunta promover de inmediato cantas accións resulten necesarias para lograr que a empresa Gabadi de Ferrol renuncie á aplicación do ERE anunciado.
A deputada popular Marta Nóvoa amosou o “apoio tanto do Goberno galego como do PPdeG aos traballadores de Gabadi, unha empresa profundamente afectada pola falta de traballo en Navantia”. “O Goberno de Pedro Sánchez debe reaccionar de inmediato, deixar de poñer escusas e cumprir os compromisos adquiridos con Galicia, atendendo os acordos que ten adoptado este Parlamento nos que se demanda a construción dun buque de acción marítima en Navantia-Ferrol”, indicou.
MOMENTOS DIFÍCILES POR DECISIÓNS DO GOBERNO CENTRAL
“Ferrol está vivindo un momento moi difícil por decisións dun goberno socialista en Madrid, e cunha ministra de Emprego de Ferrol, que non lle importa a situación que está a atravesar”, lamentou a deputada popular. Neste sentido, recordou que “o Goberno de Pedro Sánchez recibiu nos orzamentos de 2018 unha partida de 250 millóns de euros para o proxecto das fragatas F-110, que ían supoñer carga de traballo para unha década e 7.000 novos empregos, pero tres anos despois nada se sabe do inicio destas fragatas; os orzamentos do Estado non levan investimentos para o dique seco arredor do que xira o Estaleiro 4.0; non hai licenza para o taller de subbloques; e rematouse o último AOR fabricado para a Armada australiana que deixa as gradas totalmente baleiras”.
Diante desta situación, Marta Nóvoa sinalou que “a Xunta propuxo a semana pasada ao resto de administracións públicas un Pacto de Estado para a reactivación industrial de Ferrolterra, que inclúa medidas, prazos e orzamentos concretos”; ao tempo que “tamén vai establecer un marco de actuación conxunto para impulsar a transformación e o desenvolvemento da comarca de Ferrol, Eume e Ortegal implicando a todo o Goberno galego”, salientou.