Santiago, 15 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento unha proposición non de lei a través da que se solicita que o Goberno central inclúa no vindeiro cumio hispano-luso un acordo sobre a modernización da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto antes de 2020. En concreto, demándase o impulso do proxecto da saída sur de Vigo, unha alternativa ao paso da vía férrea por Porriño ou a mellora da seguridade do trazado suprimindo os pasos a nivel.
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, lembrou que a Xunta de Galicia e o PPdeG “sempre promoveu a mellora das conexións ferroviarias entre Galicia e a rexión norte de Portugal”. “Deste xeito, defendemos a prolongación da actual liña de alta velocidade A Coruña-Vigo cara a Portugal”, engadiu.
CONDICIÓNS HOMOXÉNEAS
Fernández Prado explicou que as actuacións previstas por Portugal no horizonte do ano 2020 consisten “nunha modernización da liña do Miño, que non afecta ao seu trazado, que é o factor que limita a velocidade dos trens a, como moito, 160 quilómetros por hora, polo que a liña española carecería de continuidade de trazado e de nivel de servizo”.
“Por este motivo, consideramos lóxico que se complete a modernización, sinalización e electrificación desta vía ferroviaria nunhas condicións homoxéneas a ambos lados do Miño”, manifestou o portavoz popular, quen engadiu que “a iniciativa de Portugal ten como obxectivo neste momento unha modernización que non pode compararse tecnicamente coa que se ten levado a cabo na liña Vigo-A Coruña”.