Santiago, 13 de marzo de 2019.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que defina e aprobe no prazo de seis meses, en colaboración coas forzas políticas, sindicais e axentes sociais e económicos, o proceso metodolóxico para a implantación de cláusulas de igualdade na contratación pública onde se contemple: diagnose, planificación para a posta en marcha e mecanismos de avaliación.
Así mesmo, a iniciativa parlamentaria incorpora que a Xunta elabore e remita ao Parlamento un informe anual da implantación progresiva das cláusulas de igualdade que incorpore información tanto estatística como cualitativa e a difusión de experiencias e boas prácticas
ESTRATEXIA MARCADA
A portavoz de Igualdade, Marián García Míguez, explicou o voto favorable a esta iniciativa “porque a estratexia do Goberno galego está marcada: hai un proceso de diálogo social cuns obxectivos definidos, unha finalidade transparente e unha prioridade na contratación pública galega”.
Marián García lembrou que en Galicia “temos unha lexislación excelente en materia de igualdade” e concretou que “as cláusulas sociais aparecen reflectidas nas distintas fases do expediente de contratación, desde a definición do obxectivo do contrato, ata a selección dos licitadores e a adxudicación dos contratos”.
LEI DE IGUALDADE SALARIAL
Por outra parte, no debate doutra proposición non de lei sobre a fenda salarial, Marián García asegurou que “será a lei de igualdade salarial dun Goberno do Partido Popular a que rematará coa fenda salarial entre homes e mulleres”.
A portavoz popular lembrou que a Xunta xa ten avanzado que nas vindeiras semanas presentará un estudo sobre a igualdade retributiva, que será un avance da Lei de igualdade salarial.