Santiago, 8 de xuño de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou hoxe no Parlamento que a atención pediátrica do barrio de Novo Mesoiro en A Coruña “está cuberta axeitadamente”. Porén, indicou que o centro de saúde “deste barrio en crecemento está planificado para a atención dunhas 12.000 persoas, en previsión das necesidades de profesionais médicos que poidan xurdir a curto ou medio prazo”.
Aurelio Núñez explicou que o servizo de atención pediátrica de Elviña-Mesoiro conta na actualidade con 3.222 nenos adscritos menores de 15 anos. “Dado que existen tres cotas de pediatría, temos unha media de 1.074 tarxetas sanitarias pediátricas por cota”, indicou.
MEDICINA XERAL
Respecto da medicina xeral, Núñez Centeno sinalou que os facultativos existentes teñen unha cota media de 1.416 tarxetas, “non creando ningún tipo de demanda de incremento de médicos nin outro tipo de problemas de atención aos veciños desta zona de A Coruña”.
O portavoz popular amosou a súa “sorpresa pola preocupación sanitaria dos barrios de Elviña e Mesoiro do grupo En Marea, cando o Goberno municipal de A Coruña ten totalmente abandonados aos veciños da zona de Falperra e Juan Florez impedindo a construción dun novo centro de saúde no mercado de Santa Lucía, obrigando a unha poboación envellecida a desprazarse ata a parte alta do polígono de Los Puentes”.