21 de febreiro de 2023. A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que a sanidade galega “garante a práctica de interrupción voluntaria do embarazo ata as 22 semanas de xestación nun centro público dentro da área sanitaria da muller” e criticou que os socialistas galegos “pretendan que esta actuación se poida levar a cabo en espazos como residencias da terceira idade ou que se neguen subvencións públicas ás asociacións que axudan ás mulleres embarazadas sen recursos”.
Rodríguez-Vispo afirmou que “tanto desde o Goberno galego como desde o PPdeG respectamos as leis e os dereitos das mulleres recoñecidos nelas” e manifestou que “as galegas poden elixir onde facer a interrupción voluntaria do embarazo porque cremos que os dereitos se deben exercer individualmente e non por imposición”.
MÁIS ALÓ DO RECOLLIDO NA LEI
“Van vostedes máis aló do que está recollido na nova Lei” recentemente aprobada nas Cortes Xerais, sinalou a deputada popular, quen cuestionou que os socialistas pretendan que se fagan interrupcións do embarazo nas residencias da terceira idade.
Marta Rodríguez-Vispo lamentou que “o único que buscan con este tipo de iniciativas é que o PPdeG vote en contra ao tratarse de propostas inasubmibles”, como negar subvencións públicas ás asociacións que axudas ás mulleres embarazadas sen recursos. “Cumprir a lei de saúde sexual e reprodutiva non está en contra de axudar á muller embarazada que quere ser nai”, rematou.