Santiago, 20 de marzo de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, asegurou hoxe que “cando o Concello de O Grove poña a disposición da Xunta unha parcela para a construción do novo centro de saúde neste concello, a Consellería comezará con todos os estudos e actuacións pertinentes para levar adiante esta centro sanitario, destinando os orzamentos correspondentes”.
“Dificilmente se pode facer un proxecto, estudo ou cálculo orzamentario sen dispoñer da parcela na que se localizará o novo centro de saúde de O Grove”, subliñou o portavoz popular.
Respecto do persoal que atende o centro de saúde de O Grove, Aurelio Núñez asegurou que “as ausencias de profesionais están a cubrirse cos mesmos criterios que en calquera outro centro, garantindo unha asistencia e accesibilidade o máis axeitada posible á poboación”.
“A pesar da escaseza de profesionais, desde a Xerencia da área sanitaria trátase de cubrir no posible as ausencias que se producen en cada centro, priorizando segundo as necesidades en cada caso”, lembrou. Neste sentido, indicou que, despois das reunións dos grupos de traballo na Consellería para a elaboración do novo modelo de atención primaria, “estanse a revisar as cotas e a dotación de persoal e equipamento dos centros, o que podería modificar as circunstancias que se viven na actualidade”.