Santiago, 11 de xullo de 2018.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou hoxe que “é falso afirmar que a Lei de espectáculos impide á música ao vivo ou prohibe celebrar espectáculos en locais onde antes se permitían, porque a posibilidade de celebrar regularmente eventos nun local depende exclusivamente da súa licencia, antes e despois da aprobación desta lei”.
“Afirmar que un concello podía ou pode autorizar nun local a celebración regular de eventos que non están amparados por unha licenza municipal é un engano a veciños, propietarios de locais e artistas”, concretou Pazos.
ARROGANCIA DOS POLÍTICOS
Neste sentido, lamentou que “hai responsables públicos que se consideran por enriba da lei e a súa arrogancia, propia de quen ignora as advertencias legais dos seus propios servizos xurídicos e só comparable á covardía política que amosan ao non asumir as consecuencias desa actitude derivando falsamente a responsabilidade da súa conduta a outras administracións”.
Alberto Pazos considerou “un acerto mellorar a regulación das actividades de espectáculos e dos locais nos que teñen lugar, especialmente dos locais de ocio, de entretemento e de restauración, pero sería gravísimo facelo para xustificar mentiras, amparar ilegalidades ou atribuír á Lei de espectáculos consecuencias que teñen a súa orixe na actuación irresponsable dalgún alcalde”.
O deputado popular explicou que a Xunta de Galicia está a tramitar neste momento o decreto que regula a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas, ao tempo que traballa paralelamente na elaboración dun novo catálogo de espectáculos públicos adaptado á realidade actual.
Deste xeito, rexeitou a demanda do Grupo Socialista para condicionar o prazo de tramitación deste novo catálogo nin condicionar o tempo de elaboración do informe preceptivo da Comisión, porque “é máis importante acertar nas modificacións do catálogo que aprobalo nun determinado prazo”.