Santiago, 29 de maio de 2019.- O deputado do Grupo Popular Miguel Prado Patiño avogou hoxe no Parlamento por “un monte e un rural galego rendible para conseguir un mellor control da fauna salvaxe, como o lobo ou o xabaril, e reducir o número de incendios forestais”.
“O importante é frear o abandono e facer máis sostible o rural”, sinalou, para subliñar a necesidade “dun gran acordo co novo Plan Forestal de Galicia e o pacto galego contra os incendios forestais, proposto onte polo conselleiro do Medio Rural”.
No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre a prevención dos danos ocasionados polo lobo e o xabaril no rural galego, Prado Patiño salientou que a Xunta “convocou este ano axudas para previr e paliar os ataques da fauna salvaxe por 1,4 millóns de euros”.
A PREVENCIÓN É FUNDAMENTAL
“Estamos convencidos que a prevención é fundamental, e para iso convocouse unha orde de axudas con liñas diferenciadas para previr os ataques do lobo, coa subvención de cans para protección e defensa do gando, pastores eléctricos ou cerrumes con malla electrificada; e do xabaril, a través da instalación de pastores eléctricos”, concretou.
Así mesmo, o deputado popular lembrou que “a través do plan de xestión do lobo optouse por unha xestión que permita garantir a súa viabilidade e compatibilizar a coexistencia no mundo rural e as actividades agropecuarias”. Deste xeito, apuntou que “se estableceron medidas tanto de prevención como de compensación dos danos que ocasiona esta especie á gandería”.
Respecto do xabaril, Miguel Prado sinalou que “o obxectivo é que esta especie poida seguir coexistindo pero tratando de que, en determinados puntos, se poida controlar unha posible superpoblación, eliminando ou minimizando os danos que esta poida ocasionar”. Así, concretou que se están desenvolvendo medidas de mellora da xestión dos tecores, das zonas libres de caza e da especie dentro de certos espazos naturais protexidos.