Santiago, 7 de agosto de 2019.- A viceportavoz popular Marta Rodríguez Arias valorou hoxe moi positivamente as medidas ofrecidas pola Xunta de Galicia a Parter para fixar o compromiso da empresa de manter os 330 empregos de Alcoa Coruña. “Amosa un compromiso claro do Goberno galego en atopar solucións para a industria electrointensiva galega, propoñendo solucións, acudindo a todas e cada unha das reunións, atendendo peticións da propia ministra de Industria para dar garantías financeiras da operación e agora ofrecendo un plan de formación e, se a normativa o permite, financiando o investimento que a fábrica precise” indicou Marta Rodríguez.
A viceportavoz popular considerou que a entrada de Parter “afastou o temor sobre a non continuidade de Alcoa, aínda que é provisional e seguiremos pedindo por activa e por pasiva ao Goberno central que actúe para garantir un marco normativo que faga máis seguro e competitivo o territorio español para este tipo de industrias”. Algo que foi posto como condición por Parter para garantir a continuidade do 100% dos empregos máis aló dos dous primeiros anos “pero tamén porque é fundamental para que o resto das empresas electrointensivas dispoñan do prezo eléctrico que precisan para ser competitivas”.
INTENTO DE RACHAR A UNIDADE DE ACCIÓN
Marta Rodríguez lamentou que esta implicación e predisposición da Xunta a unha unidade na acción a desenvolver “intentouna rachar o goberno de Pedro Sánchez probablemente para sacar réditos políticos dunha solución que, por certo, é provisional”. A viceportavoz popular referíuse á visita da ministra de Industria a Galicia do pasado luns na que “non se puxo en contacto coa Xunta para informarlle de que estaría en Galicia pero sí se reuníu onte en Asturias co presidente do Principado”.
“Resulta preocupante que o Goberno central empece a ter como normal supeditar os intereses de Galicia, como os de calquera outra comunidade autónoma, á súa continuidade na Moncloa, como está ocorrendo cos 700 millóns de euros que a Facenda estatal debe a Galicia ou mesmo volvendo a plantexar exactamente o mesmo co Estatuto das industrias electrointensivas, que tamén condiciona a que Pedro Sánchez sexa investido” indicou Marta Rodríguez.
“Os intereses galegos non están a subasta, seguiremos defendéndoos coa mesma intensidade, ante calquera Goberno central, sexa quen sexa o seu presidente e sexa cal sexa a súa situación” indicou a viceportavoz popular, engadindo que “a debilidade parlamentaria do PSOE non xustifica en ningún caso que se arremeta contra Galicia e contra os galegos e agardamos que se reflexione e se actúe porque xa bastantes sinsentidos hai na política nacional para que se queiran trasladar ás comunidades autónomas”.