Santiago, 3 de xuño de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, amosou hoxe no Parlamento galego a súa “sorpresa porque o Partido Socialista, que impulsou o proceso de reestruturación bancaria, que lexislou as condicións dese proceso e que ostentaba as competencias de supervisión bancaria, esixa agora responsabilidades a outros partidos”.
“O Goberno de Feijóo impulsou unha fusión galega co apoio unánime do Parlamento galego, preservou unha entidade bancaria ligada a Galicia, mantivo a Fundación e os seus fondos na Comunidade galega, salvou moitos postos de traballo e apostou pola arbitraxe para axudar aos afectados polas preferentes”, apuntou.
Alberto Pazos lembrou que “os procesos de fusión das caixas de aforro foron impulsados decididamente polo Ministerio de Economía, baixo o mando do socialista Pedro Solbes, e polo Banco de España, dirixido por Miguel Ángel Fernández Ordóñez, ámbolos dous destacados militantes socialistas e nomeados a proposta do Presidente Rodríguez Zapatero”.
APOIO UNÁNIME DO PARLAMENTO GALEGO
Nesa situación, sinalou que a Xunta, co apoio unánime do Parlamento galego, apostou por unha fusión entre caixas galegas, fronte ao Banco de España e o Goberno de Zapatero que preferían unha fusión con caixas doutras comunidades autónomas e que suporía deixar a Galicia sen entidades bancarias. “O Goberno galego apostou por unha fusión galega e o PSdeG apostou polo localismo irracional, con alcaldes de A Coruña e Vigo desprestixiando a outra caixa e capitalizando o éxito da fusión”, indicou.
“Tanto o PSdeG como BNG coñecían a situación das caixas, o calamitoso estado no que se atopaban e a necesidade dunha fusión”, criticou o viceportavoz popular, quen subliñou que “coñecendo todo isto, calaron”. “O Goberno bipartito mirou cara outro lado cando as caixas galegas incorrían en graves riscos e o Banco de España advertía que ningunha caixa podería seguir en solitario”, dixo.
CAIXA GALEGA E SOLVENTE
Alberto Pazos manifestou que, “gracias a esta xestión levada a cabo polo Goberno de Feijóo, Galicia tivo unha caixa galega e solvente, como o acredita non só o informe de KPMG, que xa obra neste Parlamento desde hai varios anos, senón tamén os informes de solvencia de Boston Consulting e de Price Waterhouse; o plan de negocio de Deloitte & Price; o informe da Comisión Nacional do Mercado de Valores; a notificación do Banco de España; o test de stress da Unión Europea; ou o propio Ministerio de Economía e Facenda socialista.
“E seguiríamos tendo esa entidade galega se non fose polo volantazo lexislativo que fixo o Goberno de Zapatero modificando os ratios de solvencia en 90 días e apartándose das recomendacións europeas”, lamentou.