Santiago, 19 de decembro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira criticou hoxe no Parlamento que En Marea “pida ao Goberno do Estado que desbote a execución da autovía libre de peaxe A-57, renunciando a dotar a Galicia dunha autovía gratuíta que se constitúa como alternativa á AP-9”.
“Pero, ademais, propoñen rescatar a AP-9 cos cartos desta nova autovía, o que suporía destinar os millóns de euros que suporía construír esta nova vía libre de peaxe en Galicia a encher as arcas dunha empresa privada”, sinalou.
Jacobo Moreira lamentou a proposición non de lei que “trouxo hoxe En Marea ao Pleno co fin de negarlle aos galegos unha alternativa gratuíta a través da A-57 que evite que teñan que ir pola autopista de peaxe AP-9 entre A Coruña e Porriño”. “No PPdeG, a diferencia de En Marea, queremos que os galegos poidan elixir no futuro entre ir por unha autopista de peaxe ou ir por unha autovía de forma gratuíta”, manifestou.
PROPOSTAS CONTRARIAS AOS INTERESES DOS GALEGOS
Ademais, sinalou que “pretenden pagar o rescate da AP-9 cos cartos que suporía a construción desta autovía libre de peaxe, facéndolle un verdadeiro favor á empresa concesionaria, porque seguro que Audasa preferiría eses millóns de euros hoxe ao contado que seguir explotando a concesión para gañalos”.
“As propostas de En Marea son contrarias aos intereses dos galegos e os galegos non queren propostas que sexan contrarias aos seus intereses”, indicou o deputado popular.