Santiago, 6 de xuño de 2018. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe que o voceiro de En Marea “rexeitara incorporar á súa proposición non de lei sobre a independencia do Poder Xudicial a nosa emenda para que o Goberno central reformule as condicións do tránsito profesional entre a xustiza e a política”.
Paula Prado lamentou que “o señor Villares amósase moi combativo coas supostas portas xiratorias dos políticos, pero fuxe de regular as portas xiratorias do persoal da Xustiza, con especial atención ás condicións de reingreso, a fin de fortalecer a percepción de independencia xudicial, sen menoscabo do dereito a ocupar cargos públicos”.
DEFENDER O MESMO EN GALICIA E MADRID
“O PPdeG é coherente e defende o mesmo en Galicia e en Madrid”, subliñou a viceportavoz popular, quen lembrou que esta mesma medida foi proposta polo Grupo Popular no Congreso á Subcomisión que traballaba no Pacto para a Xustiza, que Podemos abandonou coa escusa de que só se trataban propostas estéticas e o PSOE tamén deixou alegando que coas 130 propostas consensuadas non che chegara a un acordo de mínimos”.
Prado subliñou que “nós seguimos pensando que é fundamental garantir a independencia xudicial, polo que consideramos importante que, ademais de apoiar o cambio do sistema de eleccións dos vogais de procedencia xudicial para que sexan escollidos por as xuízas e xuíces e de garantir que na elección e nomeamento se asegure de forma efectiva a igualdade de xénero e a presencia das minorías, tamén é necesario que se reformule as condicións para que o persoal da xustiza regrese á súa actividade profesional unha vez ten pasado pola política”.