Santiago, 12 de marzo de 2019.- A deputada do Grupo Popular Raquel Arias avogou hoxe no Parlamento pola “autorregulación dos medios de comunicación no tratamento da imaxe da muller e a violencia de xénero”.
“Coincidimos totalmente cos colexios profesionais de xornalistas e cos colectivos de mulleres xornalistas que nos últimos anos veñen reclamando aos medios que vixíen e garantan que as súas propias informacións sexan 100% responsables en materia de igualdade”, salientou, para apuntar que “nin eu como xornalista e como política, nin o Partido Popular queremos o control de ningún goberno sobre os medios”.
Raquel Arias fixo referencia ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que contempla medidas concretas para favorecer a autorregulación, ou mesmo a Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que no artigo 10 defende ese papel activo dos medios na defensa da igualdade nas pezas xornalísticas.
A deputada popular lembrou que a Xunta ten realizado diversas publicacións, como o código de boas prácticas para o tratamento informativo da violencia de xénero, que o Goberno galego ten previsto revisar e reeditar este mesmo ano. En canto á CRTVG, destacou a existencia de dúas comisións de igualdade, unha delas formada polos membros do Consello de Administración, que se encarga de velar por uns contidos en favor da igualdade.
MÁIS FORMACIÓN
Do mesmo xeito, Arias tamén concorda cos colectivos de xornalistas cando apostan pola formación e a concienciación dos profesionais da comunicación para “seguir pulindo a linguaxe e ser cada vez máis coidadosos co enfoque das informacións”. De feito, avanzou que a Xunta xa traballa na organización dunha xornada formativa sobre o tratamento da igualdade e da violencia de xénero nos medios, na que se volverá difundir o código de boas prácticas. Ademais, proximamente celebrarase un congreso sobre xornalismo galego en feminino.
A deputada popular recoñeceu que “aínda hoxe en día podemos atopar titulares, expresións ou pezas que non compren os estándares de igualdade e respecto que a sociedade esixe”, pero considera que se está producindo unha evolución positiva. “O feminismo e o discurso de xénero están presentes diariamente nos medios”, manifestou.
“Nunca os medios falaron tanto e de forma tan responsable sobre os dereitos e as reivindicacións das mulleres. Nunca as mulleres tiveron tanta visibilidade como opinadoras, como fonte positiva da noticia, como referentes ou como expertas en todas as materias”, rematou.