Santiago, 6 de xullo de 2017.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández, demandou esta mañá no Parlamento o mantemento do servizo de trasporte escolar no rural adaptado ás necesidades do alumnado, así como manter o criterio de cinco ou máis alumnos á hora da reestruturación da oferta de unitarias nos concellos do rural.
Respecto da reorganización educativa acordada pola Consellería de Educación, César Fernández criticou que os grupos da oposición “mintan cando falan de peches de centros no rural galego e pinten unha situación como se os alumnos destes centros se teñen que marchar a outras localidades a estudar”.
BUSCAN TENSIÓN E CONFRONTACIÓN
“O único que pretenden con estas afirmacións é buscar tensión e confrontación dentro da comunidade educativa”, manifestou o portavoz popular, quen asegurou que “seguiremos a tomar decisións que melloren a calidade da educación que reciben os alumnos galegos”.
César Fernández subliñou “a incongruencia dos argumentos que utiliza a oposición, que por unha banda critican o feito de que se pechen unitarias e por outro lado defenden que non se manteña a alumnos de diferentes idades nunha mesma unidade educativa”.
O portavoz popular indicou que desde o PPdeG defendemos “adaptar a oferta á demanda educativa en xeral segundo criterios demográficos e sociais cun uso eficiente dos recursos públicos, garantindo sempre a igualdade de oportunidades para o alumnado”.