Santiago, 6 de xuño de 2017.- A portavoz de Xustiza do Grupo Popular, Julia Rodríguez Barreira, defendeu esta tarde no Parlamento que a Xunta de Galicia dote dos medios materiais e persoais necesarios aos novos xulgados designados polo Consello Xeral do Poder Xudicial para dirimir os procesos relativos ás cláusulas chan en función da evolución das demandas.
Julia Rodríguez lembrou que unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do pasado mes de decembro abriu a porta á restitución das cantidades abonadas indebidamente pola aplicación das cláusulas chan a milleiros de consumidores afectados.
PLAN DE URXENCIA
Diante desta situación, o Consello Xeral do Poder Xudicial aprobou no mes de febreiro un plan de urxencia que opta, con carácter excepcional e por tempo determinado, pola especialización dun ou máis xulgados por provincia que coñecerán as demandas relacionadas coas cláusulas chan, destinando no seu caso xuíces de adscrición territorial que recibirán formación específica nesta materia.
“O Goberno do Estado, o Consello Xeral do Poder Xudicial e a propia Xunta están a actuar no marco das súas competencias aportando solucións para dar resposta ás necesidades dos afectados polas cláusulas chan”, sinalou a portavoz popular, quen apuntou que “agora o que cómpre é ir valorando as necesidades de reforzo en función do número de asuntos que se vaian rexistrando”.
Julia Rodríguez asegurou que “temos clara a importancia de poñer a disposición dos cidadáns todos os medios necesarios para que teñan cumprida e rápida resposta as reclamacións derivadas das cláusulas chan, ao tempo que somos conscientes de que este incremento de litixios non deben interferir no normal desenvolvemento do resto de asuntos”.