Santiago, 11 de xullo de 2019.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, demandou no Parlamento que a Xunta continúe coa mellora dos sete puntos de encontro familiar existentes en Galicia e impulse a creación de novos puntos que faciliten a todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia, o acceso a estes servizos con facilidade, prestando especial atención á situación que vive o rural.
Marta Rodríguez explicou que “neste momento os sete puntos de encontro familiar de titularidade da Xunta están situados en centros públicos configurando unha rede cos mesmos servizos e unificando as súas características”.
Na actualidade, a Xunta está analizando o incremento do número de puntos de encontro familiar para ampliar a cobertura, atendendo as características de dispersión da poboación galega e dos núcleos rurais. “Deste xeito, estase xestionando a posta en marcha dun novo punto de encontro na provincia de A Coruña e outro na provincia de Pontevedra, cuxas localizacións serán as máis axeitadas para atender as necesidades das persoas usuarias”, indicou.