Santiago, 21 de marzo de 2017.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira demandou hoxe no Parlamento que os grupos da oposición “se tomen en serio a ampliación do Hospital de Montecelo en Pontevedra” e cualificou de “boutade que traian ao debate da Cámara galega unha moción pedindo que se licite e adxudique o proxecto deste hospital en 2017, cando saben perfectamente que resulta imposible e o propio conselleiro xa avanzou no pasado pleno a previsión de que estará para finais de 2018 ou principios de 2019”.
Jacobo Moreira explicou que licitar e adxudicar o proxecto para ampliar o Hospital de Montecelo “resulta imposible pois aínda hai que superar a tramitación técnica e administrativa do plan plan de Usos e Plan Funcional; o proxecto sectorial; a avaliación de impacto ambiental; as expropiacións e o propio proxecto de execución”.
Así mesmo, o deputado popular lembrou que para esta ampliación “non se vai utilizar a fórmula público-privada, pero non porque sexa unha fórmula ilegal, senón porque a boa xestión do Goberno do Presidente Feijóo permite que agora a Xunta poida acometer a construción con fondos propios”.
Respecto das prazas de aparcamento, Moreira lembrou que en Montecelo xa existe unha zona de estacionamento de balde. “En todo caso, no convenio asinado co Concello de Pontevedra xa se establece como unha obriga do Concello a dotación dos espazos de aparcadoiro disuasorio precisos para atender axeitadamente a demanda que poda xerarse”, engadiu.
LÍO DA OPOSICIÓN
Para rematar, Jacobo Moreira criticou “o lío que teñen montado” entre a oposición sobre o uso do hospital provincial. “O Partido Socialista en Pontevedra piden que sexa de uso exclusivamente sanitario, pero aquí en Santiago pide uso sociosanitario, algo sobre o que o BNG pide que sexa prioritariamente sanitario, ao que se suma que A Marea no Parlamento pida que sexa exclusivamente sanitario, desmarcándose así do texto da iniciativa lexislativa popular promovida pola Plataforma pola Sanidade Pública”, explicou.
“Hai menús para todos os gustos, pero desde o PP defendemos que non se pode vetar outros usos, porque xa na actualidade acolle a Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra e a Xunta xa anunciou a previsión de instalar neste edificio unha residencia para maiores”, indicou.