Santiago, 20 de marzo de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, demandou hoxe no Parlamento ao Concello de Cangas que “que poña a disposición da Consellería de Sanidade os terreos previstos cos compromisos que figuran no convenio para avanzar na construción do centro integral de saúde, que incrementará e mellorará os servizos que se prestan a cerca de 45.000 persoas”.
Aurelio Núñez lembrou que a Consellería de Sanidade ten solicitado desde o pasado mes de xullo a cesión dunha parcela no concello de Cangas, dun mínimo de 7.000 metros cadrados, para a construción do Centro Integral de Saúde de Cangas-Moaña, que suporá un investimento próximo aos sete millóns de euros.
Este novo centro integral de saúde dará servizo aos dous concellos e constará dun punto de atención continuada de urxencias de atención primaria e áreas de rehabilitación, de odontoloxía, de atención á muller, de farmacia, de diagnóstico por imaxe, de saúde mental, de especialidades médicas e de hospitalización a domicilio; así como aulas de formación e docencia sanitaria e espazos para asociacións de pacientes.
O portavoz popular explicou, ademais, que o plan de necesidades sanitarias dos concellos de Cangas e Moaña aprobado no mes de xuño de 2018 xa contempla a construción deste centro integral de saúde, así como un novo centro de saúde para Moaña e o mantemento e mellora dos centros de saúde de Aldán, Hío e Domaio.
“Estamos a falar de investimentos moi importantes para estes dous concellos da comarca do Morrazo, cun incremento de servizos que mellorarán a atención sanitaria de cerca de 45.000 persoas, coa construción de novas infraestruturas, coa cobertura de especialidades e cunha carteira de servizos de primeiro nivel”, asegurou Núñez Centeno.