Santiago, 19 de abril de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou hoxe no Parlamento que o Goberno de España “resolva as incertezas e saibamos pronto cales son os criterios que rexerán para a concesión e xestión dos fondos europeos Next Generation”.
Así mesmo, incidiu que a modificación da Lei de saúde de Galicia “é basicamente constitucional”, polo que amosou a disposición “a dialogar en termos xurídicos sobre a posible interpretación dalgúns artigos para evitar recursos”.
Pedro Puy informou que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Emprego e Innovación comparecerá este mércores no Parlamento galego para informar dos proxectos galegos aos fondos Next Generation, que facilitarán “reactivar a economía e acelerar os cambios que xa están en marcha, realizando investimentos para adaptarse ás novas realidades dos mercados”.
?️O vicepresidente segundo comparece esta semana no @Par_Gal para informar sobre a Estratexia Nex Generation Galicia dirixida a reactivar a economía,Puy avoga porque se resolvan as incertezas do Goberno sobre a convocatoria e os criterios para a xestión dos fondos @ppdegalicia pic.twitter.com/UzfWDZiPaN
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 19, 2021
PARTICIPACIÓN ACTIVA NA PROPOSTA GALEGA
Neste sentido, lembrou o traballo desenvolvido tanto no Parlamento, a través da aprobación da proposición de lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica ou da Comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia; como desde o propio Goberno galego, buscando o consenso a través do diálogo social e escoitando as achegas do Comité de expertos económicos.
“Desde o primeiro momento, a Xunta buscou a participación activa no deseño da proposta aos fondos europeos do tecido produtivo galego, a través da organización de foros sectoriais, como o forestal, o sector biotecnolóxico, o de mar-industria ou de mobilidade sostible; pero tamén do sector público galego, a través da Comisión Next Generation Galicia”, explicou.
Froito deste traballo, o portavoz popular sinalou que existen máis de 350 proxectos avaliados pola Xunta, a maioría de iniciativa pública e que suporían un investimento en Galicia de 20.000 millóns de euros. “Estes proxectos deben ser unha panca para a transformación do tecido empresarial galego, no que teñen un maior peso as pequenas e medianas empresas e, polo tanto, deben ser as principais beneficiarias destes fondos”, sinalou.
Pedro Puy explicou que estes proxectos “teñen unha orientación cara ao que consideramos máis importante: a economía circular e a transición enerxética; a mobilidade sustentable; a innovación, a industria 4.0 e as TICs; a cadea mar-industria; e a sanidade, os modos de vida saudable e a nova economía dos coidados”.
Así mesmo, destacou o Polo para a transformación de Galicia, “que agrupa a oito iniciativas, entre as que destacan a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e residuos celulósicos, a posta en marcha dun centro para o impulso da economía circular orientado á valorización de residuos; a produción de hidróxeno verde e o desenvolvemento de 1.000 novos MW de enerxía eólica e solar”. Estas dúas últimas propostas facilitarán o autoabastecemento enerxético da fábrica de fibras téxtiles e do centro de economía circular.
RECURSO EN VEZ DE DIÁLOGO
Por outra banda, o portavoz popular lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez optara nun primeiro momento pola presentación dun recurso de inconstitucionalidade ante a modificación da Lei de saúde de Galicia, pedindo a súa suspensión, en vez de optar polo diálogo a través da Comisión Bilateral. “Estamos dispostos a dialogar en termos xurídicos sobre o alcance constitucional que pode haber e a posible interpretación dalgúns artigos para evitar recursos”, sinalou.
Puy lembrou que o ditame do Consejo de Estado considera que “a inmensa maioría das disposicións que establece a lei galega para loitar contra a pandemia durante o Estado de Alarma son plenamente constitucionais, mesmo algunhas cuestións que suscitaron debate neste Parlamento como as sancións”.
A reforma da lei de saúde trata de dar instrumentos fronte ao baleiro que existe sobre medidas que se poden tomar a nivel autonómico para evitar contaxios e mortes pola pandemia,Puy reitera a disposición para o debate en termos xurídicos segundo sinalado polo Consello do Estado pic.twitter.com/2vfUKSmYhI
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 19, 2021
Neste sentido, apuntou que o ditame pon de manifesto “a pouca concreción que ten a Lei orgánica que regula o dereito a saúde” sobre as medidas a adoptar en caso de pandemia sanitaria, polo que considera “bo que a nivel do Estado se regulase isto, algo que a Xunta pediu, o Goberno de España se comprometeu e as Cortes recomendaron, pero que finalmente non se fixo”.
“A lei galega trata de dar instrumentos fronte a ese baleiro estatal de medidas para evitar contaxios e mortes que o propio Consejo de Estado denuncia”, sinalou Pedro Puy, quen asegurou que “aceptamos todos os debates xurídicos e a neutralidade do Consejo de Estado da unha guía sobre que puntos haberá que debater na Comisión bilateral e sobre que puntos se pode pedir a suspensión automática”.
Para rematar, o portavoz popular avogou pola “colaboración entre administracións para buscar a mellor saída”.