Santiago, 7 de setembro de 2021.- O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno da vindeira semana a convocatoria dunha proba de acceso MIR de forma extraordinaria que palíe a falta de profesionais sanitarios que impide cubrir as vacantes nos centros de atención primaria; e a posta en marcha de medidas e reformas estruturais para abaratar a factura da luz das familias e empresas.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria que abre o novo período de sesións inclúe a comparecencia do conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, por petición propia, para informar do inicio do curso 2021-2022 no ensino non universitario, así como das actuacións realizadas ante a Covid-19. O curso dará comezo o vindeiro 9 de setembro con máis de 187.000 alumnos, o que supón un descenso superior aos 9.000 estudantes respecto ao curso 2019-2020. A pesar desta redución do alumnado, a Xunta manterá a plantilla do profesorado por enriba da que había nese curso, ao tempo que se incorporarán 1.250 profesores de reforzo.
MÁIS PRAZAS MIR E BAIXADA DA LUZ
?️PLENO. O @ppdegalicia defenderá no Pleno do @Par_Gal unha convocatoria dunha proba de acceso MIR extraordinaria e habilitar os centros de saúde necesarios para a súa consideración de centros acreditados para a formación, para incrementar número de médicos de familia ? pic.twitter.com/svKyVNrRAO
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 7, 2021
Dentro do apartado de proposicións non de lei, Pedro Puy manifestou que “seguiremos impulsando iniciativas dirixidas á recuperación sanitaria e económica de Galicia”. Así, o Grupo Popular demandará ao Goberno central a convocatoria extraordinaria dunha proba de acceso MIR, ao tempo que se habilitan os centros de saúde necesarios para que teñan a consideración de centros acreditados para a formación.
A segunda proposición de lei ten que ver coa recuperación económica e a través dela solicítase ao Goberno do Estado que emprenda as medidas e reformas estruturais necesarias para abaratar a factura eléctrica pola escalada no prezo dos últimos meses. Puy salientou que “o prezo da luz en España é moi superior ao existente noutros países da Unión Europea, polo que cómpre facer reformas estruturais para abaratar o prezo da enerxía eléctrica”.
?E o @ppdegalicia tamén demandará no Pleno emprender medidas e reformas estruturais necesarias para abaratar a factura eléctrica das familias e empresas afectadas polo escalada no prezo dos últimos meses pic.twitter.com/SRNhaRpm67
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 7, 2021
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo impacto que tivo a entrada en vigor hai oito anos da Lei de garantías de prestacións sanitarias nos tempos de espera do Servizo Galego de Saúde; e sobre a Campaña de Verán desenvolvida este ano destinada á xuventude no ámbito de lecer e tempo libre. Ademais, cuestionará se a Confederación Hidrográfica Miño-Sil se ten dirixido á Xunta para notificar os baleirados dos encoros desta demarcación, tal e como establece o regulamento de ordenación da Lei de pesca de Galicia.