Santiago, 8 de marzo de 2021.- O Grupo Popular incidirá no Pleno que se celebra esta semana no crecente protagonismo que está a conseguir a muller no ámbito da ciencia, “pero aínda insuficiente, polo que demandaremos a posta en marcha do III Programa galego de muller e ciencia”, sinalou o portavoz popular, Pedro Puy.
“A consecución da igualdade real entre mulleres e homes non é cuestión de un día”, manifestou, para salientar o traballo que desenvolve a Comisión de estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, que mañá pecha o prazo para a presentación de propostas dos grupos parlamentarios para o plan de traballo.
Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, Pedro Puy reiterou “o apoio e impulso a todo o que supoña avanzar para acadar a igualdade real entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade”. Neste sentido, lembrou que na pasada sesión plenaria aprobouse por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demandaba ao Goberno do Estado a aprobación da prometida Lei de igualdade salarial, que permita poñer fin á fenda salarial existente entre homes e mulleres; e a modificación e actualización da Lei de conciliación e corresponsabilidade de 1999, co obxectivo de incorporar a nova realidade demográfica, a racionalización horaria e favoreza a compatibilidade do traballo coa vida persoal e familiar.
SEGUIR TRABALLANDO
“No Pleno desta semana afondamos nesta cuestión nun ámbito como o da ciencia, no que a muller está a conseguir un maior protagonismo, pero aínda insuficiente”, sinalou o portavoz popular. En concreto, explicou que “pedimos que se faga unha avaliación do II Programa galego de muller e ciencia e se poña en marcha unha terceira edición terceiro programa para continuar reducindo as eivas existentes na presenza feminina nas actividades de I+D+i”.
Puy afirmou que a igualdade entre mulleres e homes “é unha labor continuada” e sinalou que na Comisión de reactivación constituída no Parlamento galego “se incidiu moito en que a Covid-19 está a xerar un retroceso nos procesos de avance cara a igualdade dos homes e as mulleres”. “Algunhas das cuestións que se están a producir como consecuencia da pandemia están a xerar unha involución no proceso de redución da igualdade en moitos ámbitos da vida social”, indicou.
Deste xeito, sinalou que “hai que seguir traballando” e lembrou que mañá remata o prazo para que os grupos parlamentarios presenten propostas de plan de traballo para a Comisión de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres. “Esperamos que haxa acordo entre os grupos e o traballo desta comisión se centre en desenvolver aínda máis os procesos de igualdade no novo contexto marcado pola crise da Covid-19”, apuntou.
COMPETENCIAS NO ÁMBITO MARÍTIMO-TERRESTRE
Adicionalmente, Pedro Puy recordou que o Grupo Popular tamén defenderá na sesión plenaria outra proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España o traspaso a Galicia das competencias para a xestión do dominio público marítimo terrestre. “É unha demanda razoable que xa vimos realizando desde hai varios anos, xa que Galicia ten máis de 2.000 quilómetros de costa e unha xestión de proximidade e cun coñecemento máis detallado da realidade costeira galega permitiría unha mellor prestación deste servizo público”, manifestou.
“Esta transferencia faise agora máis necesaria que nunca ante determinadas ameazas que pesan sobre o uso que se lle da ao dominio público marítimo terrestre en Galicia”, concluíu.