Santiago, 16 de novembro de 2021.- O Grupo Popular demandará no vindeiro Pleno ordinario do Parlamento galego que Goberno central e Xunta de Galicia poñan en marcha iniciativas que beneficien ao sector lácteo galego e palíen os incremento dos custes de produción que está a sufrir, como o cumprimento da Lei da cadea alimentaria para que os prezos de venta cubran os custos de produción, a promoción do consumo de produtos galegos, o incremento da base territorial ou a constitución do Observatorio Lácteo Galego.
Ademais, pedirase que o Goberno galego proceda á apertura dun centro residencial que cubra as necesidades de atención que requiren os menores en situacións de dificultade social e con problemas de conduta.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a vindeira semana parlamentaria dará comezo coa celebración do Pleno específico para o debate de totalidade dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2022 e do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas. “Cumprimos as datas establecidas legalmente e volvemos a cumprir coas obrigas de tramitar os presupostos para que entren en vigor o vindeiro 1 de xaneiro”, salientou.
Respecto do Pleno ordinario, Pedro Puy lembrou que dará comezo co debate para a aprobación da modificación do proxecto de Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que se inclúa a violencia dixital como unha nova forma de violencia de xénero.
A continuación, a conselleira de Emprego e Igualdade comparecerá para facer balance das medidas e accións levadas a cabo en materia de emprego e igualdade durante este ano e as previsións para o 2022.
DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO GALEGO
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España e á Xunta accións en beneficio do sector lácteo galego. En concreto, ao Goberno central solicítase que na Lei da cadea alimentaria se habiliten mecanismos que garantan que os produtores cobren un prezo que cubra, alo menos, os custos de produción; se recoñeza os resultados económicos da Conta Láctea e outras aplicacións oficiais para acreditar o custo efectivo da produción; e se facilite a constitución de organizacións de produtores lácteos axeitadas ao tamaño das explotacións galegas.
Respecto da Xunta, a proposición non de lei do Grupo Popular solicita impulsar unha campaña de concienciación ao consumidor sobre o papel esencial do sector primario; reforzar a promoción dos produtos lácteos galegos, incidindo en aspectos como a seguridade alimentaria, o benestar animal e a diversificación da produción; apoiar a demanda de base territorial, como mecanismo de redución dos custos de alimentación; e axilizar a tramitación da constitución do Observatorio Lácteo Galego.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que a Xunta proceda á apertura dun centro residencial que cubra as necesidades de atención que requiren os menores en situacións de dificultade social e con problemas de conduta. Neste sentido, Pedro Puy explicou que “o acollemento residencial configúrase como un ámbito seguro e que responde ás necesidades de saúde, educativas e sociais dos menores, ao tempo que se consigue a súa adecuada rehabilitación”.
Por último, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego pola súa valoración respecto da pretensión do Goberno central de establecer o pago por uso das autovías; así como pola situación da formación profesional en Galicia, para afondar no camiño de pulo destas ensinanzas nos vindeiros cursos; e polos traballos e programas se están a desenvolver nas bibliotecas escolares galegas