Santiago, 3 de xullo de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana, ademais de demandar á Administración do Estado que realice as accións legais que recomenda o informe da Comisión de Expertos para reintegrar o Pazo de Meirás ao dominio público, que o Goberno central ratifique que o AVE a Galicia estea funcionando en probas en 2019 e se manteña o compromiso do anterior ministro de Fomento de visitar cada trimestre Galicia para informar dos avances das obras.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, iniciou a súa comparecencia perante os medios de comunicación trasladando á familia persoal e socialista o máis sentido pésame do Grupo Popular polo pasamento do que fora deputado Miguel Cortizo.
COMPARECENCIA E DEBATE SOBRE A VALEDORA
Puy informou que a sesión plenaria inclúe o debate das propostas de cese da Valedora do Pobo rexistradas polos grupos da oposición, logo de que a propia Valedora compareza na Comisión de Peticións o vindeiro xoves. “Entendemos que a Valedora acerta vindo á Cámara a comparecer e a Mesa do Parlamento tamén acerta traendo esa comparecencia no prazo máis breve posible que establece o regulamento”, sinalou o portavoz popular.
A orde do día do Pleno tamén incorpora a comparecencia da conselleira do Mar para informar das demandas propostas por Galicia en relación coa formulación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), así como dos traballos levados a cabo para a súa consecución. Neste sentido, Pedro Puy lembrou a viaxe realizada polo Presidente da Xunta a Bruxelas o pasado mes de maio na que interveu no pleno do Comité Europeo das Rexións, onde se aprobou por unanimidade o ditame de iniciativa propia sobre o FEMP, que avoga por conxugar a mellora da sustentabilidade coa competitividade e impulsar a remuda xeracional.
Pedro Puy amosou a súa satisfacción porque no Pleno da vindeira semana se debata, por terceira vez, a proposición de lei, para presentar perante o Congreso dos Deputados, de transferencia á Xunta da titularidade e competencias da AP-9, “unha cuestión relevante tendo en conta que estamos a asistir a unha cerimonia de confusión respecto desta autoestrada, coas últimas novas referidas á eliminación da peaxe de Redondela”.
MANTEMENTO DOS COMPROMISOS CO AVE
Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular na sesión plenaria, Puy concretou que se solicitará ao Goberno do Estado que ratifique a data comprometida de finalización das obras do AVE a Galicia, co obxectivo de que estea funcionando en probas no ano 2019, tal e como tiña comprometido o anterior Goberno central do Partido Popular. Ademais, co obxectivo de facilitar o seguimento destas obras, demandase que o novo ministro de Fomento manteña o compromiso de anterior ministro de efectuar visitas de periodicidade trimestral a Galicia con información sobre o avance das obras.
Así mesmo, o Grupo Popular incorporou á orde do día do Pleno a proposición non de lei a través da que o Parlamento declara o seu apoio explícito ás conclusións do informe da Comisión de Expertos sobre as posibilidades de incorporar ao dominio público o Pazo de Meirás e se solicita á Administración do Estado que realice as accións legais que este informe recomenda para proceder á reintegración deste ben.
No apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre se o Concello de Teo ten trasladado á Xunta algún informe en relación coa instalación dunha planta de tratamento de residuos no lugar de Casalonga; sobre as melloras nos tempos de atención e prognóstico dos cadros clínicos do ictus desde a posta en marcha da campaña informativa sobre os signos de aparición desta enfermidade; e sobre a construción do novo edificio Domingo Fontán na Cidade da Cultura de Galicia.