Santiago, 6 de febreiro de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, incidiu hoxe na negociación entre as empresas concesionarias do transporte sanitario terrestre e os traballadores para poñer fin a este conflito laboral, porque nin o Goberno galego nin os concellos poden interferir nesta problemática.
Aurelio Núñez manifestou “o rexeitamento do Grupo Popular polos actos de vandalismo e sabotaxe que se teñen producido nestes días sobre ambulancias do servizo público, unhas accións que poden representar problemas de atención a persoas en situacións urxentes con risco para a súa saúde ou inclusive a súa vida, e que sorprende que ningún outro grupo parlamentario teña rexeitado ata agora”.
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que “as irregularidades no cumprimento dos convenios ou da lexislación laboral vixente deben ser denunciadas diante dos órganos competentes e, unha vez acreditado mediante resolución firme desta autoridade competente, calquera administración, neste caso a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, poderá sancionar á empresa”.
Núñez Centeno lembrou a previsión de licitar un novo concurso público do servizo de transporte sanitario terrestre para os vindeiros anos, no que será de aplicación a nova lei de contratos e incidirá na relación calidade/prezo.