Santiago, 24 de novembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro incidiu hoxe no Pleno que “o emprego mozo é a nosa prioridade, antes, durante e despois da pandemia, pero non con propostas baleiras de contido, senón con políticas avaliadas con feitos e co apoio orzamentario previsto nas contas máis sociais da historia de Galicia, como o está a facer a actual Xunta”.
José Manuel Balseiro sinalou que a taxa de paro dos mozos e mozas de menos de 25 anos é inferior en Galicia que a media estatal (36,63 fronte a 40,45 por cento), situación que tamén se repite entre os menores de 30 anos (28,2 fronte a 31,4 por cento).
“A situación do desemprego xuvenil constitúe unha das principais preocupacións e son o centro de atención de diversas medidas postas en marcha pola Xunta en materia de políticas activas de emprego, especialmente nos últimos meses”, sinalou.
NOVE MILLÓNS EN ACCIÓNS DE EMPREGO XUVENIL
Neste sentido, subliñou que “un dos ámbitos prioritarios de actuación do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2021 é o emprego e o emprendemento”. Así, apuntou que “está previsto investir máis de nove millóns de euros en accións para o emprego das mozas e mozos galegos nos vindeiros dous anos, poñendo en marcha programas orientados á mellora da capacitación para que poidan incorporarse ao mercado de traballo”.
Balseiro referiuse, ademais, aos programas de emprego para persoas mozas para comezar a súa etapa profesional; dunha liña específica para persoas mozas menores de 30 anos que prevé beneficiar a máis de 300 desempregados; do programa Empresa Xuventude de apoio dual ás empresas; do Bono Formación; das iniciativas dirixidas a promover entre a xuventude a economía social; ou do incentivo adicional para as persoas que se incorporen como socios traballadores a cooperativas xuvenís.
O deputado popular salientou que “os gobernos do PP conseguiron baixar á metade a taxa de desemprego xuvenil, introducindo iniciativas como o complemento salarial de 430 euros en contratos de formación para menores de 25 anos ou a bonificación de 3.000 euros para empresarios que fixesen contratos indefinidos a mozos”. “Lamentablemente, estas medidas foron eliminadas ao chegar o PSOE e Podemos ao Goberno de España”, engadiu.