Santiago, 23 de outubro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, incidiu hoxe no Pleno do Parlamento que o pago das entregas a conta por parte do Goberno central a Galicia “chega tarde e chega incompleto”, porque faltan os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e os 170 millóns das compensacións por ser unha comunidade cumpridora en materia de déficit e débeda. “O Goberno central estanos privando de capacidade de gasto a cambio de que eles incumpran un pouquiño menos a regra de gasto”, indicou.
Pedro Puy asegurou que “a inestabilidade política de Madrid está trasladando problemas a Galicia” e indicou que “o exercicio económico non está pechado e hai tempo para presentar o recurso contra o Goberno central demandando o pago da débeda con Galicia”. Neste sentido, lembrou que a única comunidade autónoma que presentou este recurso foi Cataluña, que xa ten que retiralo ou modificalo ao anunciarse o pago dunha parte do adebedado.
No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre o financiamento das comunidades autónomas, o portavoz popular reiterou que “estamos en contra do concerto porque é contrario aos intereses de Galicia e detraería 1.000 millóns de euros á Comunidade galega”, segundo se recolle en informes elaborados por expertos nesta materia. Neste sentido, avogou por continuar “cun sistema fiscal redistributivo, tanto pola vía do ingreso como do gasto”.