O PPdeG puxo en valor as iniciativas de emprendemento que desde o rural está a pór en marcha o Goberno galego e que poñen en valor o territorio.
Durante unha visita ás instalacións da ecogranxa Teijeiro, en Eirexalba, no Incio, os deputados do Grupo Parlamentario Popular da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes salientaron a aposta da Xunta “polo fomento das razas autóctonas”, a través de axudas a criadores, investigación, protección da raza e promoción dunha marca que “é sinónimo de calidade”.
Para a deputada Encarna Amigo, o proxecto de Carlos Teijeiro, dedicada á cría de porco celta en ecolóxico, “é un exemplo”, xa que mestura relevo xeracional e emprendemento. “Desde o rural, ponse en valor o territorio, foméntase unha das razas autóctonas de Galicia e prodúcense produtos de calidade”, engadiu.
Neste senso, a parlamentaria popular recoñeceu “o inxente labor” para chegar a xestionar parcelas de distintos propietarios, ata reunir 20 hectáreas de terreo. Durante a visita guiada, puideron comprobar como a crianza dos animais se realiza ao estilo tradicional, ao aire libre e alimentándose dos froitos do campo.
Ecogranxa Teijeiro, que conta co asesoramento da Asociación de criadores da raza porcina celta (Asoporcel), emprega técnicas pioneiras para o tratamento dos residuos, a través de procesos químicos e tecnoloxía que procuran o mínimo impacto no entorno.