Santiago, 3 de maio de 2022.- A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, incidiu hoxe na defensa do diálogo para avanzar na explotación sustentable dos distintos recursos mariños, como é o caso da mexilla, polo que apoiou a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se pide o cumprimento dos acordos adoptados nas diferentes mesas de diálogo abertas cos sectores implicados, bilateral ou multilateralmente.
Ademais, pídese que a Consellería entregue no Parlamento galego copia dos informes e documentos científicos nos que se basea a súa decisión de restrinxir a extracción de mexilla nas costas galegas, así como dunha proposta de avaliación das medidas que permita establecer criterios técnicos para as decisións a seguir sobre limitacións ou aperturas.
Teresa Egerique subliñou que “o obxectivo da Consellería do Mar é consensuar, dialogar e chegar a acordos”, porque “ten clara a súa postura desde o primeiro minuto: facer unha explotación racional e sostible de todos os recursos mariños”.
“Quen non ten clara a súa postura é o PSdeG, que dixo unha cousa nun primeiro momento e agora está a dicir outra, mentres que a Xunta está a cumprir tanto o decreto como a orde que regula a extracción da semente do mexillón en bancos naturais”, apuntou.
A portavoz popular lembrou que a conselleira do Mar mantivo tres xuntanzas con ambos sectores afectados, ao que se engaden outras 8 reunións que celebrou a directora xeral, porque “o Goberno galego sempre defendeu a vía do diálogo para avanzar na explotación sustentable dos recursos mariños e está a traballar na revisión das zonas limitadas á extracción de mexilla en base a un seguimento coordinado cos biólogos e outros técnicos da Consellería, así como cos datos aportados polas partes”.