Santiago, 18 de outubro de 2022.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Rey incidiu hoxe no Pleno do Parlamento galego que, segundo o testemuña o Consello de Contas, que “o total de gasto executado durante o 2020 para a loita contra a Covid-19 foi de 611 millóns de euros, por enriba dos 517 millóns de euros recibidos pola Xunta procedentes do Fondo Extraordinario Covid-19 do Goberno central”.
José Manuel Rey explicou que “a única condicionalidade do Fondo Covid-19 do Estado é o financiamento do gasto ocasionado por esta enfermidade, non só sanitario senón tamén educativo e o relacionado cos servizos sociais, así como a compensación pola perda de ingresos”. “Non existe unha obriga de destinar unha determinada cantidade a sanidade: o que se dedique a sanidade é unha decisión de cada comunidade autónoma”, remarcou.
Neste sentido, o deputado popular apuntou que, segundo indica o propio Consello de Contas, “existen 93,7 millóns de euros que foron ocasionados pola pandemia e sufragados pola Xunta que non foron imputados ao Fondo Covid-19 a 31 de decembro de 2020 pero que si teñen a súa causa na pandemia”.
Para rematar, Rey subliñou que “o Sergas está suxeito ao control financeiro de ciclo continuo cunha dobre finalidade: control financeiro tradicional, baseado en auditorías específicas, e control da xestión orzamentaria”.