Santiago, 2 de novembro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor lamentou hoxe no Parlamento que “temos unha Deputación de A Coruña afastada dos veciños, paralizada, descabezada e á deriva, froito dun goberno provincial que nunca creu na importancia e nas posibilidades que esta institución pode ofrecer á provincia”.
“Unha Deputación cun presidente que prometeu un plan provincial de subvencións para terminar cos continuos reparos nos convenios, e seguimos esperando; prometeu a comarcalización dos parques de bombeiros, e seguimos esperando; prometeu diálogo con todas as forzas políticas, e o PP, cos mesmos deputados que PSOE e BNG xuntos, está apartado de calquera negociación”, indicou.
Gonzalo Trenor iniciou a súa intervención, logo da comparecencia da Comisión 3ª do Presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso, para informar dos orzamentos deste organismo para 2019, amosando “vergoña porque fixo un autoplaxio da súa intervención do pasado ano, cambiando unicamente algunhas datas e porcentaxes”. “Non se toma en serio a Deputación, a pesar de xestionar un orzamento próximo aos 200 millóns de euros”, apuntou.
“É o presidente da foto, do anuncio e da propaganda, fronte ao presidente anterior que era o da xestión, a seriedade e o compromiso”, concretou o deputado popular. Neste sentido, lembrou que “tiñamos unha Deputación de consenso, onde a maioría dos acordos se tomaban por unanimidade, e agora temos unha Deputación onde os intereses locais están por enriba dos provinciais”.
FALTA DE PROXECTO E AUSENCIA DE INICIATIVA
Trenor acusou ao presidente da Deputación de A Coruña de “levar tres anos como máximo responsable deste organismo nos que cada vez é máis evidente a falta de proxecto e a ausencia de iniciativa no goberno provincial”. “Un presidente ausente, que deixou nas mans dos nacionalistas o goberno da Deputación Provincial”, incidiu.
“Vostede dilapidou anos de boa xestión, xestión que ninguén cuestiona dos anteriores presidentes, pero agravado con que vostede rachou con anos de diálogo e acordos”, criticou Trenor dirixíndose ao presidente provincial. En concreto, indicou que “modificou o regulamento orgánico da Deputación para beneficiar aos seus socios, rachando coa equidade dos grupos políticos que existía nesta institución e permitindo que agora un único deputado dos seus socios teña máis recursos que cinco da maioría”.
Respecto do Plan Único da Deputación de A Coruña, Gonzalo Trenor afirmou que “non é máis que un traspaso de problemas aos gobernos locais, que se ven cada día con máis dificultades para poder licitar e executar as súas actuacións”. “É o recoñecemento máis claro da ausencia de proxecto e de prioridades”, manifestou.