Santiago, 19 de xuño de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana que se modifique do Código Penal en materia de usurpación de vivendas para adaptalo á realidade actual, ao tempo que se solicita que os delitos relacionados coa ocupación ilegal de vivendas sexan tratados en xuízos rápidos e se realoxe ás familias ocupantes que estean en risco de exclusión social. Así mesmo, o Grupo Popular pedirá que Galicia, xunto coas comunidades do norte de España e a rexión norte de Portugal, quede conectada ao corredor atlántico ferroviario.
O portavoz popular, Pedro Puy, explicou que a proposición non de lei busca que “se traten a través de xuízos rápidos as molestias que causan, tanto a propietarios como a veciños, este tipo de actividades” de ocupación ilegal de vivendas, sinalando que están “impulsadas por mafias e por persoas interesadas que aproveitan para facer negocio de persoas necesitadas”.
Así mesmo, o Grupo Popular defenderá no Pleno que Galicia, xunto coas comunidades do norte de España e a rexión norte de Portugal, estean conectadas co corredor atlántico “para que haxa unha auténtica rede de mercadorías que comunique esta área xeográfica”. Puy apuntou que esta demanda é “unha vella arela de moitos economistas, empresarios e da sociedade”, e permitirá a Galicia “inserirse nas redes de transporte europeas” e “aproveitar a súa posición estratéxica”.
VISITA DE FEIJÓO A CHINA
Pedro Puy tamén indicou que o Grupo Popular “é o único que pregunta polo resultado da visita que o Presidente da Xunta, acompañado do conselleiro de Economía e Industria, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, fixo a pasada semana a China. “Polas novas que temos coñecido, esta visita permitiu abrir canles de comunicación para a industria agroalimentaria, no sector do automóbil e presentar a Galicia como destino turístico nun mercado que cada vez demanda máis acceso a paquetes de viaxes en Europa”, apuntou.
Cuestionado sobre o incendio acaecido esta fin de semana en Portugal que provocou a morte de máis de 60 persoas, o portavoz popular trasladou o pesar de todo o Grupo Parlamentario pola triste consecuencia deste sinistro do que “descoñecemos as circunstancias exactas e as causas para que o lume se propagase cunha velocidade que impedise que se fixera a evacuación das persoas”.
Puy amosouse “seguro de que as autoridades portuguesas farán unha investigación” e manifestou que destes incendios “todos temos que aprender”. Porén, dixo que “temos confianza en que, aínda que non é descartable que se poida producir unha desgraza en Galicia, o Servizo galego contra incendios, que ten unha longa experiencia, podería atallar unha sinistro desa dimensión no noso país”.