Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Jesús María Fernández Rosende demandaron hoxe ao Goberno central a modificación do proxecto de decreto de pesca recreativa en augas exteriores co fin de elaborar un novo texto normativo consensuado co sector pesqueiro.
Nun encontro celebrado esta mañá con representantes da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo (Fedpemar), os deputados populares criticaron que o proxecto de decreto supón “unha normativa inxusta, desproporcionada e discriminatoria cara a pesca recreativa, sen base científica suficiente e cun impacto social e económico moi negativo”.
NON PROHIBIR, SI RESPECTAR
Neste sentido, Miguel Fidalgo e Jesús María Fernández Rosende animaron aos afectados a presentar alegacións a este proxecto de decreto antes do vindeiro 20 de setembro, de xeito que o Goberno central “recoñeza o erro que supón levar adiante esta nova normativa sen contar coas aportacións e as demandas concretas dos pescadores”. Estas accións virán acompañadas da presentación de iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de suspender a entrada en vigor deste decreto.
“A solución non é prohibir, senón respectar, e respectar tanto as vedas como os tamaños do peixe que se captura”, indicou Miguel Fidalgo, quen avogou porque este novo decreto “non supoña un enfrontamento entre os pescadores recreativos e os profesionais”.