7 de marzo de 2023. A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, pediu hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Goberno de España xustifique tecnicamente as zonas de alto potencial para o desenvolvemento da eólica mariña incluídas finalmente nos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), explicando por que non se consideraron todos os datos asociados á pesca e aos caladoiros. “Sempre consideramos que a eólica mariña debía ser compatible coa pesca e os hábitats”, concretou.
Marta Nóvoa reiterou que a enerxía eólica “poderase instalar nas nosas costas sempre e cando existan as máximas garantías de compatibilidade coa actividade pesqueira, respectando a protección do medio ambiente”. “Galicia conta con empresas líderes en fabricación de plataformas flotantes, polo que estamos nunha posición privilexiada para ser parte da expansión industrial que necesita este sector, ao tempo que o emprego que xera é de calidade durante toda a vida do proxecto, desde a fase de desenvolvemento, pasando pola construción e no mantemento e conservación”, engadiu.
O GOBERNO CENTRAL DEBE RECTIFICAR
A portavoz popular lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “aprobara os POEM sen ter en conta as alegacións da Xunta, entre as que se encontraban o mandato acordado no Observatorio da eólica mariña, creado hai dous anos”. Deste xeito, dixo que “quedan moitas preguntas sen resposta que agardamos se poidan resolver canto antes, porque para Galicia o desenvolvemento das enerxías renovables é fundamental para unha transformación ecolóxica e do tecido industrial galego que debe ter na eólica mariña un vector de competitividade irrenunciable”.
“O Goberno de Pedro Sánchez debe rectificar e ter en conta as solicitudes feitas desde Galicia: incorporando información máis detallada dos caladoiros e non unha delimitación xeral; explicando por que o POEM é ata 2027, cando os proxectos de eólica mariña serán executados en datas posteriores; clarexando cando ten previsto establecer un marco normativo adecuado e a convocatoria das poxas de lámina de auga para que realmente os promotores poidan presentar os seus proxectos; e adoptando un modelo de evacuación da enerxía centralizado, no que obrigue aos promotores a compartir estas infraestruturas e vaian ao mesmo punto de conexión, evitando afeccións sobre o territorio”, concretou.