Santiago, 4 de decembro de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, demandou hoxe no Parlamento que a Xunta potencie os servizos de transporte a demanda dentro da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia, co obxectivo de continuar a garantir a mobilidade nas zonas rurais máis desatendidas.
Martín Fernández salientou que “os servizos de transporte baixo demanda implantados como parte da primeira fase do Plan de Transporte Público están a funcionar axeitadamente, atendendo as demandas de mobilidade nas zonas rurais nas que esta é menor”. Neste sentido, explicou que “o feito de queas solicitudes de servizos rexistradas sexan escasas é unha circunstancia previsible, xa que precisamente se implantaron este tipo de servizos nas zonas onde a demanda é extraordinariamente baixa”.
SERVIZO QUE ANTES NON EXISTÍA
“Gracias a este sistema, son moitos os núcleos de poboación que dispoñen dunha oferta de transporte público que antes non existía garantida pola súa prestación baixo demanda”, manifestou.
O portavoz de Infraestruturas concretou que o número total de solicitudes do servizo recibidas desde o 22 de decembro de 2017 supera as 3.000, “unha cifra que coincide case completamente co número de servizos prestados, porque a base do sistema consiste precisamente en garantir que, cando se solicita un servizo, exista a certeza de que este se prestará”.
Fernández Prado salientou que “se por algo se caracteriza o Plan de Transporte Público que está a desenvolver a Xunta é pola participación”. Así, lembrou que foi aprobado polo Consello Galego de Transportes, onde están representados todos os axentes relacionados directa ou indirectamente co sector; foron consultados todos os concellos galegos, agás a excepción de Vigo; os centros de saúde e hospitais; os centros educativos de ensino obrigatorio; os centros de atracción de persoas, como campus universitarios ou parques industriais; e realizáronse máis de 25.000 enquisas a cidadáns.