Santiago, 2 de decembro de 2020.- A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, defendeu hoxe no Parlamento galego que a Xunta “siga colaborando na procura dunha solución que consolide un proxecto viable para o estaleiro Barreras e a industria auxiliar, e incidiu na necesidade de que o Goberno central axude a este estaleiro a través do Fondo de apoio á solvencia de empresas estratéxicas”.
Teresa Egerique lembrou que “a Xunta sempre estivo da man dos estaleiros privados galegos” e mostra disto puxo en marcha en 2019 unha liña de préstamos para atender a situación financeira de 22 auxiliares galegas, á que se sumou este ano unha nova liña de crédito para que as pequenas e medianas empresas galegas poidan facer fronte ao contexto actual.
NOVA POSIBILIDADE PARA O GOBERNO CENTRAL
Neste sentido, apuntou que o Goberno galego “xa trasladou ao Goberno central a necesidade de que contribúa a dar estabilidade ao estaleiro de Barreras a través do Fondo de apoio á solvencia de empresas estratéxicas”. “O Goberno de Pedro Sánchez ten unha nova posibilidade de axudar a este estaleiro vigués e de demostrar o seu apoio ao sector naval galego”, indicou.
A portavoz popular demandou do Goberno de España “unha implicación co naval galego similar á que están tendo outros gobernos europeos, como Alemaña ou Holanda, que puxeron á súa disposición fondos públicos para blindar 20.500 millóns de euros en pedidos para este sector”. “Lamentablemente, en España non se sabe nada do Goberno de Pedro Sánchez”, dixo.