O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que “solicitaremos ao Goberno central que manteña as rebaixas do IVE para a electricidade e os alimentos, medidas que foron retiradas do novo Decreto-Lei minibús, ao que sumaremos a demanda para que aplique unha rebaixa do IVE, e considere de primeira necesidade, produtos tan significativos para a economía de Galicia como a carne e o peixe”.
Alberto Pazos criticou “o novo sometemento de Pedro Sánchez á chantaxe dos independentistas cataláns, pasando dun decreto-lei omnibús a un minibús de 29 medidas”, e subliñou o apoio do Partido Popular ao novo texto que permitirá sacar adiante a revalorización das pensións, as bonificacións ao transporte ou as axudas para os afectados pola DANA de Valencia e do volcán da Palma.
BOTAR ABAIXO A INQUIOKUPACIÓN
Porén, afirmou que o apoio do PP a estas medidas non suporá que “sigamos traballando ata conseguir botar abaixo outras cuestións que figuran no novo decreto e que para nada estamos de acordo, como a posta en marcha de medidas que facilitan a inquiokupación e defenden a todos aqueles que de maneira ilegal okupan propiedade privada, ante o que seguiremos demandando actuacións que faciliten o desaloxo inmediato destes okupas”.
Ademais, o portavoz popular lamentou que o novo Real-Decreto deixe fóra a mellora do financiamento das comunidades autónomas, xa que as partidas das entregas a conta volverán a niveis de 2023 e suporá unha merma de ingresos e un atraso nos abonos desas transferencias económicas. “E iso tendo en conta ademais que ao longo do pasado ano se rexistrou un incremento dun 8 por cento na recadación de tributos por parte do Estado e que debería traducirse nunha suba de transferencias económicas ás comunidades autónomas e aos concellos”, apuntou.
Unha segunda cuestión que tamén quedou fóra deste Decreto minibús é a referida ao mantemento das rebaixas do IVE para a luz e os alimentos, “unha decisión do Goberno de Pedro Sánchez que xa se está a notar de xeito importante no peto de todos os cidadáns, a través dos recibos da luz que lles están a chegar estes días ou na súa compra diaria no supermercado”, sinalou Alberto Pazos.
REBAIXAR IMPOSTOS E MANTERA RECADACIÓN
“Desde o Grupo Popular seguimos defendendo que é posible rebaixar os impostos e manter unha recadación fiscal suficiente para prestar os mellores servizos aos cidadáns e, por este motivo, imos seguir insistindo, tanto desde Galicia como a nivel nacional, para que o Goberno de Pedro Sánchez manteña un IVE reducido para a electricidade e para os alimentos de primeira necesidade, dando continuidade ás medidas fiscais vixentes ata o pasado mes de decembro e que supoñían aforros importantes para todos os españois”, dixo.
Así mesmo, o portavoz popular engadiu que “non nos imos esquecer de recordar ao Goberno central a necesidade de que tamén aplique unha rebaixa do IVE, e considere de primeira necesidade, produtos tan significativos para a economía de Galicia como a carne e o peixe, de xeito que se estimule a súa demanda e se melloren as previsións de crecemento destes importantes sectores económicos”.
“Non entendemos como o Goberno de Pedro Sánchez mantén inalterado o IVE de produtos do mar e da carne, mentres baixou o doutros produtos alimenticios considerados de primeira necesidade, como o pan, o leite, os ovos, as legumes ou as froitas, sen esquecernos do aceite ou as pastas”, sinalou Pazos, quen anotou que “esta decisión supuxo unha evidente desvantaxe competitiva para os produtores de carne e o sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, e un serio prexuízo para o seu consumo”.
Por este motivo, asegurou que “desde o Grupo Popular seguiremos demandando que o Goberno central atenda esta petición de rebaixa do IVE, non só para a electricidade e os alimentos, senón tamén para os produtos da carne e do peixe, que deberían gozar dun imposto superreducido do 4 por cento, o mesmo que teñen outros alimentos básicos cento, e non do 10 por cento, co que tributan na actualidade”.