Santiago, 10 de outubro de 2018.- O Grupo Popular rexistrou esta mañá as súas 40 propostas de resolución do Debate sobre o Estado da Autonomía, que inciden nas medidas anunciadas polo Presidente da Xunta na súa intervención de onte ante o Pleno e que permitirán continuar pola senda da recuperación económica de Galicia e da mellora na prestación dos servizos públicos a todos os galegos.
“A partir de agora, afrontamos o día de hoxe coa man tendida e con vontade de chegar a acordos co resto dos grupos da oposición que sexan o máis amplos posibles, porque cremos na importancia de que todos xuntos traballemos para construír a Galicia de hoxe e a Galicia das próximas décadas”, manifestou o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado.
Tellado iniciou o acto de presentación das propostas de resolución facendo un balance da xornada de onte do Debate sobre o Estado da Autonomía, no que “puidemos ver a un presidente da Xunta que está absolutamente centrado na mellora da Galicia do presente, e no deseño da Galicia do futuro”. “Por iso trouxo unha batería con ducias de medidas que van enfocadas á consolidación do crecemento económico, á mellora dos nosos servizos públicos e á creación das condicións para que Galicia sexa o mellor lugar para vivir e para formar unha familia”, concretou.
“En fronte, vimos a unha oposición sen ideas, sen rigor e sen proxecto algún para Galicia”, sinalou o viceportavoz popular. Así, indicou que “os socialistas galegos non teñen máis proxecto que o de exercer de delegados da Moncloa en Galicia, sen capacidade para facer nin unha soa crítica aos agravios que comete o goberno de Sánchez coa nosa terra; o BNG non ten máis proxecto que a mentira e a manipulación para intentar desacreditar a este Goberno, dignos aprendices da mentira e da manipulación do independentismo catalán ao que tanto lles gusta copiar, e as Mareas de Podemos non teñen máis proxecto que o insulto, en especial o seu portavoz que fixo varias afirmacións que non merecen cualificación porque son impropias dun representante da vontade dos galegos”.
CINCO APARTADOS
Respecto das propostas de resolución do Grupo Popular, Miguel Tellado dividiunas en cinco grandes apartados: economía e emprego, sectores produtivos, benestar, infraestruturas, e institucional e defensa do Estado social, democrático e de dereito.
Dentro do primeiro apartado, incídese nas medidas anunciadas onte polo Presidente para que Galicia continúe rebaixando a súa débeda e os galegos paguemos menos impostos. Así, en primeiro lugar, pídese que o Goberno central convoque unha Conferencia de Presidentes para avanzar no deseño dun novo modelo de financiamento autonómico e local; pero tamén, demándase que a Xunta continúe coa súa política de rebaixas fiscais, co obxectivo de situar a Galicia no grupo de comunidades autónomas con impostos máis baixos; e manteña unha política de rigor e solvencia orzamentaria e financeira para reducir o seu endebedamento.
“Unha das cuestións que máis nos preocupa neste momento, ante os bandazos que está dando o Goberno central, é o anuncio dunha suba da fiscalidade ao diésel, polo que solicitamos que non leve adiante esta medida polo impacto negativo que tería na sociedade galega”, sinalou Tellado.
No ámbito do emprego, o Grupo Popular solicita á Xunta que poña en marcha un programa de segunda oportunidade para a mocidade que non estuda nin traballa; ao tempo que afonde no diálogo social para mellorar a calidade do emprego. “Non nos esquecemos de pedir que se continúen mellorando as condicións de traballo dos empregados públicos, a través da implantación da carreira profesional e contratos máis estables; así como promover a conciliación e a corresponsabilidade, tanto no sector público como no privado”, engadiu.
Dentro do bloque de sectores produtivos, Miguel Tellado referiuse á celebración do Xacobeo 2021, polo que se demanda que se impulse a súa preparación, facendo partícipe do mesmo a toda a sociedade, incluíndo as achegas que poidan facer os grupos parlamentarios. Na celebración do Xacobeo terá unha importancia especial o ámbito cultural, polo que pídese o impulso da cultura galega en todas as súas manifestacións a través da colaboración cos distintos sectores e industrias culturais; ao tempo que se deseña o proxecto “Legado artístico de Galicia” para a protección, conservación e dispoñibilidade da obra dos artistas galegos
“Estamos na lexislatura do rural e, por este motivo, varias das nosas propostas de resolución están relacionadas con este ámbito: En primeiro lugar, pedimos que se sigan as recomendacións do ditame da Comisión de estudo sobre política forestal, pero tamén que se adopten medidas para dotar dunha posición relevante nos mercados tanto ao produtor local como as economías rurais e se priorice a atención ao rural no marco da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia”, sinalou.
Outro dos sectores produtivos importantes na economía galega é o mar, e por iso o Grupo Popular solicita que se optimice a comercialización e valorización dos produtos pesqueiros e marisqueiros; ao tempo que se avanza no uso dos espazos de continuidade entre os portos e as vilas onde se asentan.
REVITALIZACIÓN DEMOGRÁFICA
Dentro do ámbito da mellora das políticas de benestar, o Grupo Popular reitera o compromiso coa revitalización demográfica e por iso pide a elaboración dunha Lei de impulso demográfico, xunto coa creación dunha oficina específica para favorecer a integración dos retornados.
“Para as persoas maiores e dependentes, solicitamos a licitación no primeiro trimestre de 2019 das sete residencias nas grandes cidades galegas, a ampliación do Bono Autonomía e o número de horas do Sistema de Axuda no Fogar; sen esquecer a demanda para que o Goberno central achegue a porcentaxe de fondos que lle corresponden no financiamento da dependencia”, explicou.
Miguel Tellado afirmou que “a violencia machista é unha lacra na sociedade actual e para isto pedimos a sinatura dun Pacto galego contra a violencia machista, baseado no ditame que elabore a comisión non permanente constituída no Parlamento”.
No ámbito sanitario, o Grupo Popular avoga por desenvolver un Plan estratéxico de hospitalización a domicilio, unha estratexia para os pacientes crónicos, un rexistro de enfermidades raras, a reforma da lei sobre o consumo de alcohol en menores ou un programa galego de detección precoz do cancro de cérvix uterino. Neste punto, Tellado destacou que “insistimos na necesidade de continuar mellorando e ampliando as infraestruturas sanitarias, neste caso incidindo no impulso dun novo Hospital Público de A Coruña, coa total renovación do actual e unha ampliación dun 50% da súa superficie; e na necesidade de manter o nivel da calidade asistencial na poboación asignada a POVISA, protexendo os postos de traballo existentes neste centro sanitario”.
No que respecta á educación, o viceportavoz popular considerou “necesario proseguir as políticas de reforzo e de estabilidade do sistema educativo, recuperando a negociación dun Pacto de Estado pola Educación; así como potenciar as ensinanzas en FP e unha estratexia de fomento dos grados duais nas universidades galegas”.
TRASPASO DA AP-9 E COMPROMISO CO AVE
Un cuarto apartado das propostas de resolución do Grupo Popular refírense ás infraestruturas. En concreto, materia de estradas, insístese en conseguir a transferencia da AP-9, garantindo o mantemento dos compromisos actuais tanto en materia de peaxes como de ampliacións previstas. “Pero non nos esquecemos de solicitar un programa de inspección de pontes e outras obras de paso para o seu correcto mantemento”, engadiu.
Respecto do AVE, o Grupo Popular reitera ao Ministerio de Fomento que cumpra o seu compromiso para que estea en funcionamento en probas en 2019, ao tempo que continúe coa tramitación das melloras das conexións ferroviarias internas: Ourense-Lugo, saída sur de Vigo-conexión con Portugal, Ourense-Vigo, variante de Ourense, A Coruña-Ferrol e Ferrol-Ribadeo.
“Unha das cuestións que preocupa ao Grupo Popular é o abastecemento de auga a toda a poboación galega, polo que demandamos unha estratexia para que todos os galegos gocemos de auga en calidade e suficiente cantidade”, sinalou Miguel Tellado. Neste punto, engadiu que “centramos a nosa atención na cidade de Vigo pola súa especial importancia e vulnerabilidade, polo que pedimos ao Goberno central que declare o seu sistema de abastecemento como de interese xeral do Estado en Galicia”.
Por último, o Grupo Popular aposta pola sostibilidade ambiental coa elaboración dunha Lei de residuos e unha rebaixa do 10% do canon de SOGAMA, sempre que os concellos repercutan esta redución directamente no que pagan os veciños.
O último apartado das propostas de resolución ten que ver coa actividade institucional e defensa do Estado social, democrático e de dereito. “Ademais de reafirmar a nosa defensa da Constitución Española, pedimos que o Senado potencie o seu papel de Cámara de representación territorial, reactivando os traballos da ponencia constituída para abordar a súa reforma”, indicou.
Outra proposta de resolución pide a adopción de medidas encamiñadas a facilitar ás familias vítimas da guerra civil e da represión franquista a localización, exhumación e traslado, se procede, dos restos mortais dos seus familiares.
PROTECCIÓN DOS DENUNCIANTES DA CORRUPCIÓN
“Tamén demandamos, logo do accidente ocorrido en Vigo durante o festival do Marisquiño, que a Xunta siga promovendo, en colaboración coa FEGAMP, o cumprimento da Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas por parte dos concellos”, sinalou Tellado, quen anotou a “demanda aos concellos para que adopten as medidas necesarias de xeito que queden exentos do pago do IBI os centros sanitarios de titularidade pública, e bonificado ao 95 por cento o pagamento dos centros de investigación de organismos públicos e os de ensinanza universitaria”.
No ámbito da Xustiza, solicítase que o Ministerio proceda á programación e creación de novas unidades xudiciais en Galicia, que de xeito consensuado propoña a Comisión Mixta Xunta-TSXG.
O viceportavoz popular indicou que “tampouco nos esquecemos da corrupción e pedimos que o Goberno central impulse a aprobación de normativa básica reguladora da actividade dos grupos de interese e da protección das persoas denunciantes de corrupción”, ao tempo que “para loitar contra actitudes pouco beneficiosas na política, tanto galega como española, pedimos que o Parlamento condene o abuso das prerrogativas parlamentarias da inviolabilidade e inmunidade por calquera dos membros do Parlamento, instando a todos os deputados e deputadas a facer unha utilización prudente das mesmas, en atención a súa condición de garantía da actividade parlamentaria, e nunca dende unha concepción de privilexio persoal”.