Santiago, 18 de novembro de 2020.- O Grupo Popular rexistrou esta mañá no Parlamento galego a proposición de lei de modificación da Lei 8/2008 de saúde de Galicia, a través da que se pretende reforzar a seguridade xurídica, mellorar a prevención, que sexa máis previsible a actuación da Administración Pública e delimitar as contornas da actuación adaptadas á situación epidemiolóxica de cada momento.
“O estado de alarma non é a única alternativa para combater a pandemia”, afirmou o portavoz popular, Pedro Puy, quen engadiu que “entre unha mera orde ministerial e a declaración do estado de alarma hai capacidade lexislativa para poder combater a pandemia con maior eficacia”.
Pedro Puy lembrou que “desde o comezo da pandemia do coronavirus, alá por finais do mes de febreiro, tanto o Presidente da Xunta como desde o Partido Popular vimos demandando ao Goberno central a adaptación da normativa sanitaria para facer fronte á pandemia, sen ter que recorrer a mecanismos excepcionais como o estado de alarma”.
Neste sentido, considerou que “non é bo manter o estado de alarma durante todo este tempo, polo que desde o primeiro momento consideramos necesario reformar as leis sanitarias para evitar unha prolongación durante meses dunha situación extraordinaria e anómala”. Apuntou que a propia lei do estado de alarma “se apoia nas propias leis sanitarias, que non están estritamente adaptadas para este tipo de episodios prolongados no tempo”.
Esta situación foi trasladada ao Goberno central por parte do Presidente da Xunta en varias ocasións e incluso polo Parlamento galego, a última o pasado 21 de outubro a través dunha proposición de lei que saíu adiante co voto favorable do Grupo Popular e a abstención do BNG e do PSdeG.
“Á vista de que a situación se alongaba, e que desde o Goberno central non se atendían as demandas para reformar a lei estatal de sanidade, as administracións autonómicas foron improvisando de acordo co que se podía facer respectando a normativa, e tanto do Goberno galego como o Grupo Popular detectamos a necesidade de reformar a lexislación autonómica para loitar contra a pandemia”, manifestou. Neste sentido, lembrou que “incluso o actual estado de alarma prorrogado ata o mes de maio non ampara algunhas das peticións de comunidades autónomas que, como Asturias, teñen solicitado confinamentos”.
AMPARO XUDICIAL
Deste xeito, Pedro Puy sinalou que “a loita contra a pandemia esixe medidas que restrinxen, limitan ou condicionan directamente o exercicio dos dereitos fundamentais por parte das persoas, polo que é preciso un amparo xudicial e fai necesario axustar a legalidade sanitaria á situación e ás actuacións que van ser necesarias durante os próximos meses”.
A proposición de lei concreta as medidas susceptibles de ser adaptadas pola Administración, regula os requisitos necesarios para adoptar estas decisións, concreta e precisa o réxime das sancións cando se incumpren as instrucións dadas polas autoridades sanitarias e tamén o alcance das garantías xurídicas e xurisdicionais. Neste ámbito, Puy explicou que “o propio Tribunal Constitucional establece que é posible adoptar estas decisións sen a necesidade de recorrer á lexislación de carácter extraordinario do dereito de excepción, desenvolvendo a través de leis eses equilibrios entre os valores constitucionais protexidos, como a saúde”.
A continuación, Puy fixo un repaso polo contido da proposición de lei, que consta dun artigo único a través do que se modifican ou amplían 13 artigos da lei 8/2008 de saúde de Galicia.
A modificación lexislativa completa o concepto de autoridade sanitaria e precísase aquelas autoridades sanitarias que poderán establecer as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios dos cidadáns. Así, establécese que, dentro das súas respectivas competencias, teñen a condición de autoridade sanitaria: o Consello da Xunta; a persoa titular da Consellería de Sanidade; as persoas titulares da Inspección de servizos sanitarios e a inspección de saúde pública; os titulares das xefaturas territoriais de Sanidade; e os alcaldes e alcaldesas. Ademais, incorpóranse: os profesionais sanitarios que, no desempeño das súas funcións como empregados públicos, teñan asignadas funcións de detección, seguimento e control das enfermidades transmisibles; así como todo o persoal ao servizo da Administración autonómica e local que desenvolva actividades de inspección.
MEDIDAS DE OBRIGADO CUMPRIMENTO
A continuación, modifícase integramente o artigo 38 da Lei de Saúde de Galicia para que as autoridades sanitarias poidan adoptar novas medidas de obrigado cumprimento dirixidas a protexer a saúde entre a poboación, como: incautación e inmobilización de produtos; suspensión do exercicio de actividades; peche de empresas ou instalacións; intervención de medios materiais ou persoais; limitacións de capacidade; limitacións de horarios de apertura e peche; medidas de seguridade e hixiene en determinados lugares ou actividades; elaboración de plans de continxencia; medidas de autoprotección, como o uso de máscaras e outros elementos de protección; así como no mantemento de distancias de seguridade; intervención de centros de servizos sociais; subministración de datos necesarios para o control e a contención do risco para a saúde pública; ou calquera outra medida axustada á legalidade vixente e sanitariamente xustificada.
Establécese a prohibición, limitación e prevención do consumo de bebidas alcohólicas para avanzar na desnormalización do seu consumo en todos os ámbitos, pero sobre todo entre os menores de idade. Para isto, quedará prohibido o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques ou prazas públicas, así como noutros lugares de tránsito público.
Ademais, recóllense medidas preventivas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se supoña a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación concreta dunha persoa ou grupo de persoas; así como medidas de control dos enfermos, das persoas que estean ou estivesen en contacto con eles, e das que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible.
Na modificación deste artigo 38 prevese ademais a intervención dos centros de servizos sociais, logo de que se comprobara que é unha medida necesaria para a protección da saúde pública, especialmente das persoas maiores e dos discapacitados.
NOVAS TECNOLOXÍAS
A proposición de Lei presta unha especial atención ás novas tecnoloxías como mecanismo de información, prevención, detección e seguimento de enfermidades. Neste sentido, prevese o desenvolvemento de sistemas de información e aplicacións para dispositivos móbiles que operen como medidas complementarias para a xestión das crises sanitarias, que funcionen como fonte de información ou de alertas, xeolocalización de recursos de interese, determinación do nivel de risco transmisor da persoa usuaria ou identificación dos seus contactos.
Outro dos apartados da modificación fai referencia á necesaria colaboración entre a Administración galega e os concellos, facilitándose información e prestándose reciprocamente á cooperación e á asistencia activa para o eficaz exercicio das súas competencias.
Por último, modifícanse varios artigos do capítulo IV, correspondente a infraccións e sancións, co obxectivo de contar cun réxime sancionador máis claro e completo.Así, establécense tres tipos de infraccións: leves, con multas de ata 3.000 euros; graves, con multas desde os 3.001 ata os 60.000 euros; e moi graves, con multas desde os 60.000 ata os 600.000 euros.
Tamén se institucionalizan as funcións de asesoramento coas que se poden informar as autoridades sanitarias. Neste caso, Puy lembrou que “en Galicia hai un comité clínico coñecido, que se reúne con publicidade, informa das decisións que adopta e que recomenda á autoridade competente para a aprobación das normas”.
“Esperamos as aportacións dos grupos da oposición para mellorar este texto, e tamén a través dos sistemas de participación cidadá do Parlamento galego”, sinalou o portavoz popular, quen se amosou “coa mellor intención de acadar un texto que permita a superación dunha pandemia sen recorrer a un estado de alarma, que mesmo pode ser excesivamente limitado na súa configuración para facelo con efectividade”.