Santiago, 21 de setembro de 2020.- Os deputados Pedro Puy, Diego Calvo, Miguel Tellado, Paula Prado, Alberto Pazos, Encarna Amigo e Ovidio Rodeiro serán os representantes do Grupo Popular na Comisión non permanente de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19.
O portavoz popular, Pedro Puy, subliñou “a importancia que desde o PPdeG lle damos a esta comisión de estudo dirixida a paliar as consecuencias económicas e sociais provocadas pola pandemia sanitaria”. Mostra disto é a relevancia dos deputados populares que van formar parte desta comisión non permanente: desde o propio portavoz do grupo parlamentario, ata o vicepresidente do Parlamento galego (que será proposto para a Presidencia desta Comisión); dous viceportavoces do Grupo Popular; e os portavoces en Política Social, Sanidade e Educación.
?O @ppdegalicia proporá ao vicepresidente do @Par_Gal @DiegoCalvoPouso para presidir a Comisión para a reactivación e estarán o portavoz, viceportavoces @Mtelladof e @paulapra2 e de Sanidade @EncarnaAmigoSER, Educación @OvidioRodeiro o de Política Social @pazos_alberto pic.twitter.com/KUvfdjhlc6
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 21, 2020
CHEGAR A ACORDOS
Puy engadiu que esta comisión de estudo “tamén poderá contar coa presenza doutros deputados do Grupo Popular en función dos asuntos que se aborden nas distintas reunións que se celebren”.
Neste sentido, apuntou que o obxectivo é aprobar “a folla de ruta a seguir logo de escoitar á sociedade e aos expertos para avaliar unha situación na que hai moita incerteza sobre a evolución da pandemia sanitaria, que está a ter moitas consecuencias sociais e económicas”.
?️A Comisión de reactivación é importante para saber a folla de ruta, para escoitar á sociedade, aos expertos e ter un mínimo compromiso de cómo avanzar nunha situación de alta incertidume con consecuencias sociais moi relevantes, sinala Puy @ppdegalicia pic.twitter.com/g5bNB9Hvxh
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 21, 2020
“Imos ir desde o primeiro momento co máximo interese en chegar a acordos”, asegurou Puy, quen considerou que “para acadar acordos as comisións de estudo téñense demostrado máis útiles que as de investigación”.
OUTRAS COMISIÓNS NON PERMANENTES
Así mesmo, o Grupo Popular rexistrou hoxe os deputados que formarán parte das outras tres comisións non permanentes constituídas no Parlamento galego. En concreto, na Comisión de Seguridade Viaria estarán Martín Fernández e Ramón Carballo; na Comisión de Discapacidade, Alberto Pazos e Carmen Pomar; e na Comisión de Igualdade, Marisol Díaz e Paula Prado.