Santiago, 14 de novembro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo manifestou hoxe “o compromiso da Xunta por estender a prestación de servizos sociais a todo o territorio galego, fundamentalmente ao medio rural e máis en concreto á montaña lucense”. Neste sentido, salientou a posta en marcha das casas do maior, as casas niño ou o servizo de axuda no fogar.
Encarna Amigo recoñeceu a “necesidade de reforzar os servizos sociais no rural galego, en particular nas zonas de Montaña lucense, onde a dispersión poboacional, as condicións orográficas e o envellecemento da poboación son factores máis acusados”.
Deste xeito, salientou que “un dos obxectivos estratéxicos do actual Goberno galego é desenvolver recursos de proximidade que permitan aos veciños do rural ser atendidos na súa contorna, con todas as garantías de seguridade e calidade esixibles”.
CASAS DO MAIOR EN CERVANTES E AS NOGAIS
Deste xeito, a deputada popular referiuse á posta en marcha das casas do maior e concretou que tres das catro novas instalacións previstas na provincia de Lugo abriranse na Montaña lucense: unha en Cervantes e dúas nas Nogais, que se sumarán á que xa funciona en Portomarín.
Estas casas do maior están financiadas integramente pola Consellería de Política Social e, polo tanto, non teñen ningún custo para os usuarios. Nelas aténdese a un máximo de cinco persoas, todas elas maiores de 60 anos e con dependencia moderada ou severa. O servizo funciona durante un máximo de oito horas diarias, de luns a venres e con flexibilidade horaria.
“As casas do maior son unha experiencia pioneira que puxo en marcha este ano a Xunta de Galicia á imaxe das casas niño, que tan bo resultado están a dar polo que supoñen de ampliación de servizos e oportunidades no rural, tanto laborais como de conciliación”, indicou a deputada popular.
Respecto das casas niño, Encarna Amigo indicou que “xa están en funcionamento nos concellos de Folgoso do Caurel, As Nogais e Riotorto, estando previsto que se abran novos servizos en Ribas de Sil, Navia de Suarna e Baleira”.
Amigo tamén se referiu ao servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, que na actualidade funciona en nove concellos da montaña lucense, con máis de 400 usuarios e unha aportación da Xunta superior aos 1,6 millóns de euros.