Santiago, 27 de setembro de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego “o compromiso do Goberno galego cos concellos, que se pon de manifesto no mantemento do fondo de cooperación local desde a súa creación no ano 2011, que este ano acadou os 126 millóns de euros logo dun incremento dun 3,3 por cento respecto a 2021”.
Paula Prado lembrou que “foi un Goberno do PPdeG o que, nun momento de crise económica, garantiu por lei un mínimo de participación dos concellos nos orzamentos autonómicos” e salientou que “mentres outras partidas tiñan que descender, o Fondo de Cooperación Local non o facía e incluso se incrementaba”.
DE XEITO IGUALITARIO, EQUITATIVO E OBXECTIVO
“A Xunta de Galicia seguirá apoiando aos concellos de xeito igualitario, equitativo e obxectivo, porque nós gobernamos para todos”, asegurou a viceportavoz popular.
Neste sentido, Prado lamentou que os socialistas galegos critiquen a distribución dos convenios da Xunta cos concellos galegos, cando a Deputación de A Coruña concede 11 millóns de euros para convenios cos concellos do PSdeG e 1,7 millóns para os do PPdeG; ou a Deputación de Lugo, onde o PPdeG ten 31 alcaldías na provincia e o PSdeG, 27, pero dáselle o 65 por cento dos convenios a concellos socialistas e o 2 por cento aos do Partido Popular.