Santiago, 2 de maio de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, salientou hoxe no Parlamento o incremento nun 33 por cento do persoal da área sanitaria do Salnés, ao que se sumou máis de dez millóns de euros en equipamento e reforma do hospital.
Ademais, lembrou que “a ambulancia medicalizada xa foi aprobada polo Goberno galego e será incorporada no novo concurso despois de estudar as necesidades de todas e cada unha das comarcas galegas”.
Aurelio Núñez concretou que nos últimos dez anos incorporáronse 88 novos profesionais á área sanitaria do Salnés: 16 foron facultativos, 54 persoal sanitario e 18 de persoal non sanitario. “A dotación de recursos humanos ao Hospital do Salnés farase, como non podería ser doutro xeito, en función das necesidades asistenciais, coa limitación actual do déficit de médicos en distintas especialidades”, indicou.
Así mesmo, o portavoz popular explicou que o Goberno galego investiu nos últimos dez anos máis de 10 millóns de euros en equipamento en reforma do Hospital do Salnés, levando a cabo obras de mellora en urxencias e obstetricia, a ampliación do bloque cirúrxico ou a nova unidade de coidados postcirúrxicos, ademais da ampliación da terceira planta de hospitalización.
Respecto á construción dun novo centro de saúde en Vilagarcía, Núñez Centeno manifestou que a proposta do Concello para localizalo no edificio da Autoridade Portuaria “foi rexeitada polo Sergas pola imposibilidade de adaptar estas instalacións ás necesidades propias dun centro de saúde”.
“A demolición deste edificio terá un sobrecusto con respecto a calquera outra parcela libre de edificacións”, sinalou o portavoz popular, quen apuntou que o Sergas “xa fixo constar ao Concello de Vilagarcía que acepta unicamente parcelas sen cargas nin gravames para a construción de novos centros sanitarios”.