Santiago, 3 de decembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular José Luis Ferro salientou hoxe que a Deputación de Ourense prioriza nos seus orzamentos “a área social, o emprego, a formación, a cooperación e o investimento”.
Na comparecencia diante da Comisión 3ª do Presidente da Deputación de Ourense, José Luis Ferro lembrou que esta institución “foi pioneira en todo tipo de medidas para amortiguar e suavizar os duros efectos económicos, sociais, asistenciais e, incluso, loxísticos que provocou a Covid-19”. “Son moitos os exemplos que se poderían mencionar, pero é necesario destacar a axuda directa a todos os autónomos da provincia de Ourense que se viron abocados ao peche obrigatorio dos seus negocios”, concretou.
“A Deputación de Ourense viuse obrigada a adaptar os seus orzamentos á nova realidade provocada pola pandemia sanitaria e, por este motivo, os orzamentos non marcaron un novo récord histórico como viña conseguindo en exercicios anteriores”, engadiu.
Porén, manifestou que “son uns orzamentos máis refrendados que nunca, pois foron apoiados polo PP e por outros dous grupos políticos, gozando así dunha ampla maioría”.
José Luis Ferro apuntou que a Deputación de Ourense “consolidou a débeda cero, así como o liderato nacional en transparencia de goberno aberto, como acreditan todos os ránkings existentes”.