8 de febreiro de 2023. A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta destinará este ano máis de 65 millóns de euros para fomentar o emprendemento. “Seguiremos apoiando a estes traballadores que ven como se incrementan os seus custes sen ter marxe para repercutilos no prezo final dos seus produtos ou que se xogan o seu patrimonio por xerar emprego e actividade económica en Galicia”, apuntou.
Noelia Pérez lembrou que “Galicia tomou a iniciativa e tivo e segue a ter unha política de emprendemento, de protección e impulso do seu tecido empresarial, con especial atención ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos”. Neste sentido, apuntou que “adoptamos sempre medidas estruturas e conxunturais para anticiparse ás tendencias e ás necesidades das empresas”.
PLANS CONCRETOS
Así, concretou que a Consellería de Emprego destinará este ano máis de 65 millóns de euros a fomentar o emprendemento, e citou programas como Xempre Emprendemento, que se iniciou o pasado mes de setembro con 2,8 millóns de euros e que xa foi ampliada ata os 11 millóns de euros; a rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que xa atendeu 116 proxectos; ou o programa Impacto Autónomo, dotado con 35 millóns de euros que chegarán a 30.000 persoas que están a ver afectada a súa actividade económica e que xa están cobrando desde o pasado 24 de xaneiro.
A estas axudas, súmanse os instrumentos financeiros que a Xunta ten a disposición dos autónomos, como a Axenda financeira, que mobilizará este ano 140 millóns de euros; ou os préstamos directos para a transformación dixital e a modernización do comercio; a eco-innovación; ou a eficiencia enerxética.