A deputada do Grupo Popular María Deza asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta “pon a vivenda no centro das súas políticas incrementando orzamentos, aumentando o parque público de vivenda e creando novas liñas de axudas”. “Namentres, desde o Goberno de Pedro Sánchez estase a facer xusto o contrario, aplicando cada vez políticas intervencionistas que o único que provocan é un detrimento da oferta”, anotou.
María Deza asegurou que “o principal motivo da carestía é a existencia dun problema de escaseza da oferta, ante o que a Xunta está a traballar apoiada en tres piares fundamentais: a construción de vivenda pública, o desenvolvemento de solo residencial para aumentar o parque da vivenda, e na adopción de medidas lexislativas e fiscais que incentiven a posta de inmobles no mercado”.
AMPLO ABANO DE PROGRAMAS
En concreto, a deputada popular salientou que a Xunta inclúe nos seus orzamentos para o vindeiro ano máis de 240 millóns de euros para impulsar as súas políticas en materia de vivenda, dos que máis de 100 millóns serán para construír novas vivendas públicas, máis de 20 millóns para o desenvolvemento de solo residencial e preto de sete millóns para o programa Rexurbe.
“Ademais, o Goberno galego seguirá despregando un amplo abano de programas e liñas de axuda que faciliten o acceso á vivenda e á mobilización de vivendas baleiras; fomenten a construción de vivendas destinadas ao alugueiro accesible; a adquisición de vivendas protexidas, en cascos históricos ou en concellos de reto demográfico a través de axudas directas; a adquisición da primeira vivenda co aval mozo destinado para menores de 36 anos; sufragar o alugueiro a través de axudas directas; ou a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal que pasan a vivenda pública”, afirmou.
María Deza contrapuxo “os anuncios baleiros aos que nos ten acostumados o Goberno de Pedro Sánchez co traballo e os pasos adiante que está a dar a Xunta en materia de vivenda, con exemplos tanxibles como a constitución o pasado novembro da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, que xestionará a promoción de 2.350 novas vivendas de promoción pública; o avance das actuacións para ter rematadas en 2026, polo menos, 1.500 das 4.000 vivendas de promoción pública comprometidas nesta lexislatura; dando pasos na Estratexia Galega de Solo Residencial; e avanzando nos trámites para a construción de 1.600 novas vivendas”.
AXILIZAR A TRAMITACIÓN DE PROCEDEMENTOS
Por último, a deputada popular considerou “necesario impulsar e axilizar a tramitación dos procedementos previstos nas normativas autonómicas relativas a vivenda e solo residencial, tentando reducir tempos de tramitación, sen perder garantías e seguridade xurídica nas actuacións a desenvolver”. “Por iso, na Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2025 inclúese unha batería de medidas lexislativas e fiscais, así como unha serie de medidas excepcionais e temporais aplicables ata finais de 2028”, indicou.
“En concreto, levaranse a cabo modificacións na Lei de vivenda de Galicia e na Lei do Solo de Galicia que permitirán implantar os mecanismos que posibiliten a execución dos obxectivos de duplicar o parque de vivenda pública nos vindeiros anos e de xestionar solo para a construción das 20.000 vivendas protexidas”, rematou.