Santiago, 9 de decembro de 2020.- A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Teresa Egerique, afirmou hoxe no Pleno que “o mellor xeito de apoiar aos nosos sectores culturais e creativos é a través de axudas que incentiven a actividade” e por iso “Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España en poñer en marcha un plan de reactivación da cultura galega, dotado con 26,4 millóns de euros, do que xa están executadas arredor do 95 por cento e que ata final de ano realizará 4.500 accións directas”, salientou.
Teresa Egerique explicou que “esta folla de ruta de apoio ao sector é froito do diálogo constante da Xunta cos distintos axentes, que se vai ampliando con novas medidas de apoio en función das necesidades que poidan xurdir”. Así, indicou que “o mellor plan de rescate xa se presentou e non é outro que os orzamentos da Xunta para 2021, no que figura unha partida de 94 millóns de euros, o que supón un incremento do 27,4 por cento respecto a 2020”.
En relación ao vindeiro Xacobeo 2021, a portavoz popular avogou porque “sirva de estímulo para que os sectores creativos galegos se proxecten dentro e fóra de Galicia”, para o que a Xunta “vai desenvolver unha programación específica que reforzará as capacidades dos sectores culturais galegos, amosará a diversidade e a calidade das súas propostas creativas, atraerá público visitante a Galicia e favorecerá a pervivencia dos proxectos culturais máis alá da propia celebración xacobea”.