Santiago, 8 de xuño de 2022.- A deputada do Grupo Popular Cristina Sanz salientou hoxe no Parlamento galego que as axudas da Xunta ao sector asociativo do comercio de proximidade galego se incrementan esta ano un 10 por cento, superando por primeira vez os tres millóns de euros.
Así mesmo, apuntou que o cambio no réxime de concesión destas axudas á concorrencia non competitiva “permitirá ir resolvendo as solicitudes segundo se vaian presentando, axilizando todo o proceso co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade galego”.
Cristina Sanz reiterou o “firme e permanente compromiso do Goberno galego co tecido asociativo que agrupa ao comercio de proximidade, situando a Galicia como a comunidade que ofrece un maior respaldo a este colectivo en diálogo permanente co sector”.
SEN NECESIDADE DE ESPERAR
Neste sentido, apuntou que a Xunta publicará de xeito inmediato as convocatorias de axudas para o fomento do comercio, que neste ano 2022 superarán por primeira vez os 3 millóns de euros ao incrementarse un 10 por cento respecto a pasado exercicio.
A deputada popular destacou, ademais, que este ano a concesión das axudas será por concorrencia non competitiva, “o que beneficiará aos solicitantes xa que non será preciso esperar a que finalice o prazo de solicitudes para revisar, reclamar documentación e resolver de xeito conxunto todos os expedientes presentados”.
“Todas as solicitudes que cumpran os requisitos e teñan como obxectivo a dinamización do comercio de proximidade terán a oportunidade de conseguir esta subvención sen necesidade de esperar a que se revisen todos os expedientes e sen necesidade de comparalos”, concretou.
Cristina Sanz manifestou que o obxectivo deste cambio é “axilizar a xestión e beneficiar ás asociacións que presenten competas as súas solicitudes”, polo que cualificou de “incoherente que os socialistas galegos critiquen este cambio de sistema ao mesmo tempo que demandan unha maior axilidade na xestión das axudas”.
ANTICIPO EN 10 DÍAS
Así mesmo, a deputada popular engadiu que as novas bases tamén contemplan a posibilidade de que os beneficiarios soliciten anticipos do 50 por cento da axuda nos 10 días seguintes á notificación da súa resolución”.
“Estamos a falar dunha axuda consolidada, mellorada e ben coñecida polo tecido asociativo galego, que lles permite aos comerciantes planificar as súas actuacións sen a necesidade de esperar á publicación da convocatoria, ao que se engade que existe un diálogo fluído e permanente coa Xunta durante o deseño das convocatorias”, rematou.