Santiago, 27 de abril de 2022.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos salientou hoxe no Parlamento galego que BNG e PSdeG “levan 13 anos buscando un escándalo no Goberno galego que non aparece, o que demostra que estamos ante un Goberno honrado e unha oposición incompetente, máis preocupada na política de enlamar o debate que en poñer en marcha medidas para o desenvolvemento económico e social de Galicia”.
No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre as contratacións de urxencia de material sanitario por parte do Servizo Galego de Saúde, Alberto Pazos manifestou que “piden explicacións a quen xa facilitou toda a información solicitada hai meses, pero aproveitan a ocasión para espallar sospeitas carentes de todo fundamento”.
INFORME DO SERGAS E RECOMENDACIÓN CONSELLO DE CONTAS
En concreto, o deputado popular referiuse a un informe do Sergas sobre a contratación de emerxencia de material de protección, servizos e equipamentos realizada durante a crise sanitaria da Covid-19 que foi remitido ao Parlamento galego no mes de decembro de 2020 como documentación para a Comisión de Reactivación.
“Nin leen a información que remiten as consellerías nin recordan as súas propias propostas, votadas neste Parlamento”, lamentou Alberto Pazos, referíndose tamén á recomendación do BNG incluída no Plan de Traballo do Consello de Contas para 2021 para que este órgano fiscalizara as contratacións realizadas durante a pandemia da Covid-19.
O deputado popular lamentou que”, pola contra, vostedes non piden explicacións a quen cometeu mil irregularidades na contratación, nin a quen suspendeu o portal de transparencia durante a pandemia, nin a quen aprobou dous decretos de alarma ilegais, nin a quen ten tres altos cargos imputados por presunto fraude na compra de material sanitario”.